Tabeirós-Terra de Montes, comarca de

Tabeirós-Terra de Montes, comarca de

Comarca situada ao N da provincia de Pontevedra e ao O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coas comarcas coruñesas do Sar (concello de Padrón) e Santiago (concellos de Teo, Vedra e Boqueixón), ao S coas de Pontevedra (concellos de Cotobade e A Lama), e a ourensá do Carballiño (concello de Beariz), ao L coa comarca de Deza (concellos de Silleda e Lalín) e ao O coas de Caldas (concellos de Pontecesures, Valga e Cuntis) e, de Pontevedra (concello de Campo Lameiro). Abrangue unha superficie de 528,85km2en que acolle a unha poboación de 29.409 h (2001), distribuída entre os concellos de Cerdedo (79,8 km2; 2.300 h [2001]), A Estrada (280,8 km2; 22.308 h [2001]) e Forcarei (168,25 km2; 4.801 h [2001]). O centro urbano comarcal é a vila da Estrada.
Xeografía física
Desde o punto de vista xeomorfolóxico a comarca posúe unha gran heteroxeneidade de paisaxes e formas, onde se combinan áreas de val con espazos montañosos. Deste xeito, as altitudes oscilan entre os menos de 50 m que se acadan no val do Ulla, no N, e os cumios do Testeiro e o Suído, a máis de 1.000 m, no S. A litoloxía, a erosión diferencial e a tectónica tiveron moito que ver na configuración do relevo comarcal. Pódense diferenciar tres unidades fundamentais, que dan lugar, pola súa banda, a outras subunidades menores: o val do Ulla, as superficies de erosión e as áreas montañosas. O val do Ulla, situado no N da comarca, é un espazo de altitudes baixas, que non adoitan superar os 100 m, nalgúns tramos moi angosto e noutros máis amplo, como consecuencia da erosión diferencial, que motivou que a súa dirección fundamental sexa a L-O. A forte incisión fluvial do río sobre as antigas superficies de erosión, graníticas e moi duras, fixo que este espazo constitúa unha área ben individualizada. As superficies de erosión son restos dun antigo relevo herciniano, compostas por materiais graníticos moi duros, lousas e xistos. Trátase dunha área chá, situada ao S do val do Ulla, ao redor dos 200-500 m, que no centro do termo municipal da Estrada está incidida polos cursos fluviais tributarios do Ulla (Liñares e Vea). Existen algúns relevos en resalte, de materiais graníticos, formados como consecuencia da erosión diferencial e da tectónica. Destacan, pola súa altitude o monte Xesteiras (710 m), o couto de Arca (624 m) e San Sebastián (714 m). As áreas montañosas ocupan a meirande parte da comarca, que se sitúan no centro e S da mesma. Correspóndense coa Dorsal Occidental Galega e son as serras do Testeiro e do Suído e os seus contrafortes como a serra do Candán, os que exercen de fronteira natural coa provincia de Ourense, e coas comarcas de Deza e Pontevedra. Estes espazos elévanse desde as superficies de erosión como anfiteatro e separan as concas do Umia, Ulla, Deza e Lérez. Esta unidade non é homoxénea, xa que, á multitude de aliñacións de diferente dirección hai que engadirlle a presenza de vales angostos e outros máis amplos, que coinciden coas cabeceiras dos ríos Umia e Lérez. Na parte oriental da comarca atópase a serra do Candán que, con dirección NNO-SSL separa os concellos da Estrada e Forcarei dos de Silleda e Lalín. Trátase dun conxunto de materiais duros (granitos e lousas), bastante homoxéneo, con formas suaves e alombadas, pero incidido polas cabeceiras do Deza, o Lérez e os seus tributarios. Os montes do Testeiro (1.014 m no monte do Seixo entre Forcarei e Cerdedo) pechan este espazo polo S cunha dirección NL-SO, e están formados por materiais duros, pero moi erosionados e con formas suaves. Finalmente, e amodo de interfluvio entre as concas do Umia e o Lérez, atópanse unha serie de elevacións de menor altitude que as anteriores (Cregos, 804 m). Climaticamente, a comarca ten un clima oceánico pero cunha gran variedade de matices nas súas temperaturas e precipitacións, dada a complicada orografía e a presenza de vales, montañas e superficies elevadas. Así, as temperaturas medias oscilan entre os 14°C do val do Ulla ata os 9°C das serras e os 11-12°C dos vales interiores e das superficies residuais. As medias invernais son suaves no val do Ulla (9°C) e máis rigorosas no resto (7°C nos vales do Umia e Lérez e 4-5°C na montaña). As precipitacións son en xeral moi elevadas (1.500 mm), e aínda máis nas montañas, onde superan os 2.000 mm, xa que se atopan a barlovento das masas húmidas do O. As xeadas son frecuentes durante o inverno na montaña e nos vales interiores, e aparecen con menos frecuencia no val do Ulla. A rede fluvial está composta por tres concas: a do Ulla, a do Umia e a do Lérez. O Ulla discorre de forma máis ou menos encaixada en determinados tramos e forma unha beira máis ampla noutros, sobre todo onde recibe aos principais tributarios o Vea e o Liñares. O Umia parte desde as aliñacións orientais con dirección L-O e forma un val estreito na parte inicial e máis amplo posteriormente, ao igual que o río Lérez.
Xeografía humana
A comarca é un espazo que mantivo un forte dinamismo demográfico desde principios do s XX ata 1950, data en que comezou a súa regresión. En 1900 o conxunto comarcal contaba con 36.998 h, unha cifra que foi crecendo considerablemente ao longo das décadas, xa que en 1910 había 37.903 h, en 1920, 39.915 h, en 1930, 40.876 h, e en 1940, 41.695 h. Foi un crecemento considerable, motivado polo elevado saldo vexetativo, que non era compensado pola tamén intensa emigración a América. En 1950 acadou o máximo de poboación con 43.097 h, e a partir desta data os efectivos diminuíron, tanto como consecuencia da redución do crecemento natural como do masivo éxodo migratorio cara ás áreas industriais galegas, españolas e europeas. Nin sequera a vila da Estrada, que comezaba a desenvolverse como centro terciario, absorbeu o exceso de poboación rural. Así en 1960 había 41.678 h, en 1970, 39.270 h, e en 1980, 37.084 h. Desde 1981 ata comezos do s XXI o descenso agravouse, especialmente nos concellos de Cerdedo e Forcarei. O resultado desta evolución é unha poboación cun alto grao de avellentamento, en especial na área rural. A porcentaxe de persoas maiores de 65 anos (23,4%) supera á de menores de 20 (20,1%). A taxa de natalidade (5,9 ‰) está moi por debaixo da de mortalidade (14,04 ‰), e como resultado, o crecemento vexetativo é de signo moi negativo (-8,09 ‰). A densidade de poboación media é de 57,7 h/km2pero a poboación distribúese de forma bastante irregular polo territorio, con zonas de densidades moi baixas, especialmente no S, nas áreas máis montañosas, onde a densidade está ao redor dos 30 h/km2, mentres que nos vales e nas planicies as densidades chegan aos 60 h/km2. A Estrada é a principal entidade de poboación, seguida de Cerdedo e Forcarei, pequenas cabeceiras municipais. As entidades de poboación son bastante pequenas (a maior parte non supera os 100 h) e están situadas ao redor da rede viaria e preferentemente nas áreas de val e superficies chas.
Xeografía económica
Tabeirós-Terra de Montes é unha comarca cun importante peso do sector agrario, pero tamén destaca polo sector industrial, e, sobre todo polo terciario, centrado fundamentalmente na Estrada. O sector primario emprega ao 24,1% da poboación, e, aínda que non deixa de descender o número de activos, conserva unha importancia vital para moitas áreas da comarca. A maior parte das explotacións agropecuarias están dedicadas a pastos (21%) e a superficies forestais (29%), aínda que o monte baixo e a matogueira tamén ten a súa importancia (41%). As actividades gandeiras xeran a maior parte do emprego no sector primario, xa que a agricultura está moi asociada a ela, e os cultivos xiran ao redor das explotacións gandeiras. No número de reses vacúas, maioritarias na comarca, destaca o concello da Estrada sobre os outros dous. Esta gandaría vacúa está dobremente especializada na produción láctea (nas áreas rurais de val) e na cárnica (nas áreas de montaña). Existen granxas de explotación porcina nos concellos da Estrada e de Forcarei, ao igual que a avícola, aínda que con menor importancia. O cultivo da vide ten unha superficie de 230 ha, situadas na gran maioría no val do Ulla, no concello da Estrada, que pertence á Denominación de Orixe Rías Baixas, subzona Val do Ulla. A produción é moi modesta comparada con outras zonas, pero destacan os seus augardentes. O sector secundario (35,6% do emprego) está repartido entre a industria (14,8%) e a construción (20,8%). A importancia da construción radica tanto no dinamismo do sector na vila da Estrada, como pola proximidade á cidade de Santiago de Compostela, así como polo desenvolvemento das construcións en áreas turísticas (Canarias e Balears), a onde acoden temporalmente as empresas da comarca cos seus traballadores. A industria posúe unha alta especialización na madeira e no moble, e A Estrada é o principal centro do moble da comarca, da provincia e de Galicia. Existen numerosas entidades empresariais, que van desde os pequenos serradoiros e talleres de madeira, ata as grandes empresas. Tamén destacan as fábricas de aglomerados, serradoiros, carpintarías metálicas e os prefabricados para a construción. Existe un polígono industrial no concello da Estrada (Polígono de Toedo), aínda que aglutina tamén almacéns e empresas comerciais. O resto de empresas están diseminadas polo territorio, nas principais estradas ou nas proximidades da cabeceira comarcal. O terciario (40,3%) é o sector máis destacado en canto a número de empregos xerados, especialmente na vila da Estrada, onde se concentran a maior parte deles. Así, o comercio (28% dos empregos no terciario) encabeza a lista de subsectores, as empresas por xunto céntranse no ramo da automoción, produtos agroalimentarios, carburantes e metais. Os servizos públicos (27% do emprego no terciario) sitúanse en segundo lugar, concentrados na súa maior parte na vila da Estrada, aínda que Cerdedo e Forcarei, como capitais municipais, tamén aglutinan algúns deles (centros de ensino, saúde e casas consistoriais). A Estrada posúe, ademais dos centros de estudo primario e secundario, centro de saúde e casa consistorial, oficina do Instituto Nacional de Seguridade Social, oficina do INEM, Subdelegación de Facenda, Oficina de Extensión Agraria e é cabeza de partido xudicial, así como cabeza de Comarca Sanitaria. Os transportes (13% do terciario), a hostalaría (11,2%) e as finanzas (6,4%) completan a dotación terciaria da comarca.
Historia
Os restos arqueolóxicos atopados nos concellos que forman a comarca de Tabeirós-Terra de Montes amosan a antigüidade do poboamento. Destacan os gravados rupestres de Santa Mariña de Trasmonde, San Pedro de Parada e San Xoán de Cerdedo, declarados BIC, en Cerdedo; as mámoas de Matalobos, Boi Morto (Olives) e Mamuela de San Pedro de Ancorados, e os castros de San Tomé de Ancorados, Perroño, Castrovite, Ouzende, Matalobos, Trasmonte, Ribela, Guimarei e Loureiro na Estrada; e as mámoas de Aciveiro, Castrelo, A Madalena e Meavía, e os castros de Coto do Castro (Dúas Igrexas), de Mouteira (A Madalena), Castro das Rodeiras e o Castro da Mounteira (Millarada) en Forcarei. En época romana o territorio do concello da Estrada estaba atravesado por un ramal da IV vía militar do Itinerario Antonino e os camiños derivados da vía XIX. No s IV, en tempos do Rei Miro, a xurisdición de Tabeirós dependía da diocese de Iria e, en tempos de Xelmírez pasou a depender da mitra compostelá. As Guerras Irmandiñas afectaron ao territorio e destruíronse diversas fortalezas como as da Barreira na Estrada ou o Castro de Montes en Forcarei. Durante o Antigo Réxime as parroquias integradas nos actuais concellos pertenceron ás xurisdicións de Cira, señorío do conde de Altamira; Codeseda, señorío do cabido de Santiago de Compostela; Montes, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; Oca, señorío do conde de Amarante; Tabeirós, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; Vea, do arcebispo de Santiago de Compostela; Veiga, señorío do cabido de Santiago de Compostela; e Viso, señorío do marqués de Aranda. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela, creáronse os concellos de Bemposta, Estrada, Codeseda, Parada, Oca, Vea, Millarada, Quintillán e Presqueiras. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa creación dos concellos de Cerdedo, Cereixo, que en 1841 cambiou o seu nome polo da Estrada, e Forcarei.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan a igrexa románica de San Tomé de Quireza e as barrocas de Pedre e Cerdedo, en Cerdedo; as igrexas románicas de San Pedro de Ancorados, San Xurxo de Codeseda, San Martiño de Riobó, Santa María de Loimil, e as igrexas dos mosteiros de Santa María de Frades e de San Xoán de Santeles, na Estrada, ademais das igrexas de Santo Estevo de Oca, San Lourenzo de Ouzande, San Miguel de Moreira e Santiago de Tabeirós, son de orixe románica; e o mosteiro de Santa María de Aciveiro e a igrexa de Santa María de Castrelo en Forcarei. En canto á arquitectura civil destaca o pazo de Oca e a torre de Guimarei na Estrada, a torre de Alarma de Barciela en Forcarei, as pontes de Pedre e Santo Antón en Cerdedo, a ponte sobre o río Liñares e a ponte Vea na Estrada e as pontes do Atranco, a ponte vella de Andón, a ponte dos Portos, a ponte vella de Fraga e a ponte do Gomail en Forcarei. No patrimonio natural destacan os espazos das Brañas de Xestoso e a serra do Candán en Forcarei. Entre as festas que se celebran na comarca destacan, ademais das parroquiais, no ámbito relixioso as do ecce homo en Cerdedo, a romaría das Dores e a romaría de Aciveiro en Forcarei e, no ámbito profano, a Festa do Can e a Festa do Canteiro en Cerdedo; o entroido do val do Vea, a Festa do Salmón, a rapa das bestas de Sabucedo, declarada de Interese Turístico en 1964 na Estrada; e a Festa do Gaiteiro en Soutelo de Montes.