Taboada Cid, Manuel

Taboada Cid, Manuel

Filólogo. Foi o primeiro catedrático (1991) de Gramática Histórica do Castelán da Universidade da Coruña. Iniciou os seus estudos universitarios en 1963 na facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse en 1976. Foi lector de castelán no Lycée de Garçons de Auch (Francia) e en 1971 incorporouse como profesor de lingua e literaturas castelás ao instituto Otero Pedrayo (Ourense). En 1983 acadou o grao de profesor adxunto da Universidade de Santiago. Algunhas das súas contribucións á lingüística galega, sobre todo á lexicografía, permanecen inéditas e en diverso grao de realización; así acontece, por exemplo, cun dicionario inverso da lingua galega que estaba preparando. Tamén se dedicou á investigación da gramática española e á historia da lingüística castelá. O seu interese pola morfoloxía e a sintaxe histórica do castelán levouno a investigar en gramáticas latino-castelás dos ss XIII-XV. Proxectou ademais unha edición crítica da Gramática castellana de 1771. De 1986 a 1987 foi director xeral de Política Lingüística e durante o seu cargo tratou de galeguizar a administración dos centros escolares. Das súas obras destacan El habla del Valle de Verín (1979), Léxico de la comarca de Verín (Ourense) (1989) e, postumamente, en colaboración con Manuel González González, Afinidades lingüísticas galego-portuguesas no couto mixto e na fronteira de Ourense (2002). Tamén editou Arte kastellana: 1626 (1984), de Gonzalo Correas, e Elementos de gramática histórica gallega. Fonética e morfología (1984), de V. García de Diego, sobre a edición de Burgos de 1909 con anotacións do propio autor. Foi membro da Asociación de Filología y Lingüística de la América Latina e da Sociedad Española de Lingüística.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Verín

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela