Talía Teatro
Grupo de teatro creado en 1988 e vinculado á Asociación Cultural Domingo Antonio de Andrade, entidade organizadora da Mostra de Teatro de Cee. Como compañía afeccionada chegou a montar ata sete espectáculos, dos que destacan O rei aborrecido, de X. Pisón; e Ai, Carmela e Marsal Marsal, de J. Sanchis Sinisterra. As críticas e os premios recibidos, xunto coa propia evolución da compañía, fixeron que se convertese en profesional en 1996. Desde ese momento continuou coas súas representacións, como A secreta obscenidade de cada día, de M. A. de la Parra; Pedro e o capitán, de M. Benedetti; Soños dun sedutor, de W. Allen; Xustiza infinita, de Cándido Pazó; Eu así non xogo, de A. Trillo; e Bicos con lingua. Co tempo produciu e distribuíu os seus espectáculos e creou unha infraestrutura propia. Por outra banda, edita unha colección de textos teatrais e leva adiante a Escola de Teatro do concello.