Tamara, Os
Grupo musical formado en 1957. Estaba composto por Prudencio Romo González, Alberto Romo González, Manuel Paz, José Sarmiento, Germán Olariaga, Gerardo Bravo e Enrique Paisal. Iniciáronse como grupo en Vigo e despois comezaron unha serie de concertos por Marrocos, Alxeria e diversos países europeos. Durante a década de 1960 acadaron moita sona como grupo melódico e comezaron a popularizar moitas cancións, algunhas delas en galego. En 1970, grazas ás xestións de Prudencio Romo, entrou a formar parte do grupo o cantante Pucho Boedo. Con esta incorporación o grupo deu o salto definitivo na súa popularidade e actuou en lugares destacados, como a Sala Olimpia de París. Gravaron oito discos con máis de cen cancións e foi o primeiro grupo que gravou un disco totalmente en galego, titulado Na fermosa Galicia. Das cancións máis famosas do grupo, moitas delas compostas por Prudencio Romo, destacan “Venecia sin ti”, “Si te vas de mi”, “Mi tierra gallega”, “A Santiago voy” ou “Airiños, airiños, aires”.