Támega
Río afluente do Douro pola dereita. Nace a 950 m de altitude na parroquia da Alberguería, nos concellos de Vilar de Barrio e Laza. En principio, o seu curso adopta unha dirección NO-SL coa que pasa pola vila de Laza; en cambio, na parroquia de Matamá, os montes Bitón fan que vire cara ao SO primeiro, e despois, xa no límite entre Retorta (Laza) e Nocedo do Val (Castrelo do Val), cara ao S, onde se abre o amplo val de Monterrei, que o Támega drena servindo de límite ao concello de Verín, ao L, cos de Monterrei e Oímbra, ao O. Tras os primeiros 51 km de percorrido, penetra en territorio portugués mantendo a mesma dirección meridiana ata Chaves, onde vira cara ao SO; drena o sector occidental do distrito de Vila Real e marca o linde meridional co distrito de Braga a partir da captura do seu principal afluente, o Beja; despois penetra no distrito de Porto, onde desemboca despois de percorrer 160 km de lonxitude. O seu curso e as lagoas circundantes foron declaradas Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) en 2001.