tantalio
(
Elemento químico de número atómico 73 e peso atómico 180,9479, pertencente ao grupo VB da táboa periódica. É un elemento de abundancia media que constitúe un 5·10-4 por cento do peso da codia terrestre. Non aparece en estado natural, só formando parte de minerais, dos que o máis importante é a tantalita. A obtención do metal efectúase mediante o tratamento da tantalita, con ácido fluorhídrico e extracción con acetona, seguida da redución con sodio de heptafluorotántalo potásico. Forma con numerosos metais, aliaxes caracterizadas por un punto de fusión elevado. Ademais de entrar na composición de aceiros e doutras aliaxes emprégase especialmente para facer filamentos de lámpadas de incandescencia, eléctrodos de tubos electrónicos e como getter, pezas para contactores, interruptores, condensadores electrolíticos, entre outros. Foi descuberto en 1802 por A. Ekeberg e obtido puro por primeira vez en 1903 por W. von Bolton.