Tareixa

Tareixa
[ONOM]

Antropónimo feminino hispano, frecuente na Idade Media, que tiña como forma primitiva Tarasia, de orixe escura, que evoca os xentilicios gregos Tarasía/Tarasios, o topónimo itálico Taranto, o nome do adiviño Tiresias e a illa exea de Thera (Santorino). Aínda así, non é seguro que sexa grega a súa raíz última. O que si parece probable é que este nome se difundise por Europa a partir da Península Ibérica. As formas galegas están documentadas desde moi antigo e a popularidade de Tareixa de Ávila axudou á súa difusión por boa parte de Europa. Presenta as variantes Tereixa e Teresa.