teatro

teatro

(< lat theātru < gr θέατρον, de θε)

    1. s m [ARQUIT]

      Edificio destinado á representación de obras literarias, musicais ou outras modalidades, como o mimo ou as sombras. En Grecia, as tres partes principais do teatro eran os chanzos(κοἱλα), reservadas ao público, que envolvían nuns dous terzos a orquestra (ορχἠστρα), circular, reservada ás evolucións do coro. Tanxente a ela levantábase a escena, a parte máis avanzada da que, unha plataforma rectangular denominada λογεῐον ou proscenio, estaba reservada á representación, limitado por un muro (σκηνἠ) con decoración fixa. Os romanos copiaron o modelo grego baseándose nos estudos de Vitrubio. Os chanzos estaban divididos en seccións comunicados por galerías, escaleiras, pasadizos e portas de acceso (vomitoria),e a escena tomou máis grandiosidade (uns 150 m de lonxitude). Durante o s XVI apareceron as primeiras salas destinadas ás representacións teatrais, nas pequenas cortes italianas. Os teatros desta época adoptaron a estrutura italiana: escenario, orquestra, platea e pisos en forma de ferradura. En Castela aproveitaron os patios interiores, os corrales. O teatro barroco adaptou a escena con trapas e trapelas para montaxes de bastidores e cun tear para pendurar panos e bambolinas. No s XX aproveitáronse edificios non especificamente destinados ao teatro como castelos, almacéns ou naves. En Galicia creáronse tras a visita do empresario italiano Nicolà Setaro, que construíu o primeiro en Santiago de Compostela en 1768. Os primeiros teatros á italiana, construídos no s XIX, foron o Teatro Provisional de Puerta Real na Coruña, o Teatro Provisional de Santiago, os teatros Principal e Filarmónica de Ferrol, o Teatro de Variedades da Coruña e a Casa Teatro de Vigo.

    2. teatro de ópera [ESPECT]

      Teatro dedicado principal ou exclusivamente a espectáculos de ópera. O primeiro foi o de San Casiano, en Venecia (1637), onde Monteverdi e Cavalli estrearon algunhas das súas obras. No s XVII inaugurouse a Académie de Musique de París (1671) e no s XVIII abríronse algúns dos máis célebres, como o Covent Garden de Londres (1732), o San Carlo de Nápoles (1737) e o Teatro alla Scala de Milán (1778).

  1. s m [ESPECT]

    Representación pública dunha obra teatral. En Grecia tivo a súa orixe nas festas relixiosas; diversas compañías itinerantes, formadas por un actor e un coro, actuaban nas prazas das cidades. Esquilo introduciu o segundo actor na representación dramática e Sófocles o terceiro. O teatro romano foi en boa medida un herdeiro do grego. En Sicilia xurdiu o teatro de fýlakes, que pasou ao continente e deu lugar ás farsas atelanas; os seu arquetipos cómicos influíron na Commedia dell’Arte do Renacemento. Os ss XVII e XVIII marcaron un progreso da escenografía, sobre todo nos teatros cortesáns; do escenario simultáneo, que obrigaba a dividir a escena en diversos espazos, pasouse ás decoracións presentadas de maneira sucesiva. A finais do s XVIII o director tomou o relevo como creador do espectáculo. En Francia, André Antoine impuxo o naturalismo escenográfico co Théâtre Libre (1897). En Austria Max Reinhardt utilizou plataformas xiratorias e levou o escenario á sala. En Rusia, Stanislavskij investigou sobre a formación do actor. En Alemaña, Erwin Piscator e Bertolt Brecht, co teatro épico, intensificaron o distanciamento entre espectador e espectáculo. En EE UU, Robert Wilson realizou producións de longa duración con máis de cen actores que se utilizaban como obxectos móbiles. Outro movemento, coñecido como “terceiro teatro”, apareceu na década de 1970 encabezado pola compañía danesa do Odin Teatro, que tentou coordinar os grupos marxinais e levar o teatro á rúa, con desfiles e happenings. Na década de 1980 destacou o intento de disolución dos xéneros teatrais a través do contacto coas novas correntes da danza contemporánea e unha nova codificación das formas interpretativas, do xesto e do movemento (Pina Bausch). Ata a metade da década de 1990 volveuse cara ás orixes, con pequenas salas de produción independente. En canto á produción dramática, a traxedia grega tivo en Esquilo, Sófocles e Eurípides os seus principais cultivadores. Terencio, en Roma, imitouno, e Plauto mostrouse máis preto da farsa popular e dos trazos de Aristófanes. Co Renacemento a figura do autor volveu ser potenciada, como é o caso de Shakespeare. En Francia, unha vontade de neoclasicismo moldeou a obra de Corneille e Racine, pero deixou máis libre a comedia, como a de Molière e Marivaux. En Castela, Lope de Vega inicia a renovación teatral durante o Século de Ouro, que pechou Calderón de la Barca. En Italia a Commedia dell’Arte, baseada na improvisación a partir dun bosquexo, influíu en Goldoni. En Alemaña G. Lessing iniciou novas propostas dramatúrxicas, que atoparon o seu desenvolvemento na obra de Goethe e Schiller. Co romanticismo asistiuse a unha apreciación dos valores de cada cultura sobre os valores chamados universais: Vic22tor Hugo, en Francia, Puškin, en Rusia, ou o duque de Rivas, en España. Con Ibsen, xa na segunda metade do s XIX, os países escandinavos fixeron a primeira contribución orixinal ao teatro europeo. Čekhov retratou a sociedade dos derradeiros anos do tsarismo en Rusia. Co inicio do s XX en EE UU algúns autores reelaboraron dramaticamente os problemas da súa sociedade, como Eugene O’Neill ou Arthur Miller. En Francia destaca J. Giraudoux, mentres que en Italia Pirandello cuestionou a natureza. En Alemaña, Brecht considérao unha exposición de feitos cos que o espectador non se ten que identificar. Ionesco e Beckett iniciaron o denominado teatro do absurdo. No teatro azteca o mimo acadou unha gran relevancia. O máis importante foi o teatro inca, do que o teatro de kathakali, do estado de Kerala, é o exemplo máis completo. En China, durante a dinastía Ts’ing (1644-1912), apareceron autores como Li Yu e K’ong Chag-jen, cunha obra capital: T’ao hona chan (O abano de flores de pexegueiro). A ópera de Pequín é o exemplo máis brillante da tradición dramática chinesa. En Xapón apareceron á vez dous xéneros ben diferenciados: o teatro nō e o teatro kabuki, que procede do primeiro. As dúas pezas coas que se inicia o cultivo do teatro en Galicia e en galego foron o Entremés famoso sobre a pesca do río Miño (1671), de Gabriel Feixóo de Araúxo, e A casamenteira, de Antonio B. Fandiño, escrita en 1812 e publicada en 1849. Con todo, o autor máis destacado de finais do s XIX foi Francisco Mª de la Iglesia, que abriu o camiño para que outros escritores, como D. Álvarez Giménez, R. Armada Teixeiro ou Galo Salinas, autor de Memoria acerca de la dramática gallega (1896), cultivaran o teatro en lingua galega. A fundación da Escola Rexional de Declamación (1903) e a incorporación a este xénero de autores tan destacados como A. Villar Ponte, Lugrís Freire ou Nan de Allariz confirmaron os logros anteriores. Ao labor de propagación do teatro galego contribuíron diversas agrupacións e coros populares, como Toxos e Froles de Ferrol e Cántigas da Terra da Coruña, aínda que o papel máis destacado representárono as Irmandades da Fala e o Conservatorio Nazonal de Arte Galego (1919), que en 1923 cambiou o seu nome polo de Escola Dramática Galega. O Grupo Nós e os membros do Seminario de Estudos Galegos tamén contribuíron a desenvolver e modernizar o teatro, aínda que neste campo os máis destacados foron Rafael Dieste con A fiestra valdeira (1927) e Castelao con Os vellos non deben de namorarse (1953). Tras a Guerra Civil Española e co exilio de moitos intelectuais galegos, Bos Aires e La Habana tomaron o relevo de Galicia. Nesta etapa cómpre salientar o labor de escritores como Manuel D. Varela Buxán e de actores como Maruxa Villanueva e Fernando Iglesias Tacholas. A Compañía de Arte Regional Gallego e, na década de 1950, o Teatro Popular Galego, encargáronse de levar á escena as producións da época. Pola súa parte, en Galicia sobresaía a obra de autores tan importantes como Á. Cunqueiro, B. Graña ou X. Torres, e, na década de 1960, o labor de diversas compañías, como O Facho e Teatro Circo na Coruña, e Teatro Popular Galego en Vigo. A partir da I Mostra de Teatro Galego, celebrada en Ribadavia en 1973, destacaron novos autores como M. Lourenzo, E. Ruibal e R. Vidal Bolaño. Na década de 1970 profesionalizáronse moitas das compañías afeccionadas, como Teatro Antroido e Artello, e comezou a edición de revistas especializadas, como Cuadernos da Escola Dramática Galega. A creación da primeira sala estable, a Luís Seoane, na Coruña, e a fundación do Centro Dramático Galego (1984) contribuíron a mellorar o panorama teatral de finais do s XX. A principios do s XXI é importante o esforzo e o labor de autores, directores e críticos como E. Alonso, M. Guede, X. Lago, C. Pazó, F. Pillado, R. Salgueiro e M. F. Vieites.

  2. s m [LIT]
    1. Xénero literario dramático.

    2. Conxunto das obras dramáticas dun autor, dunha época ou dun pobo.

    1. s m

      Lugar onde acaece un acontecemento.

    2. teatro de operacións [BÉL]

      Zona xeográfica onde se desenvolve o conxunto dunhas operacións militares. É a máxima xurisdición que pode ter un mando militar en guerra.

  3. s m

    Acción ou accións de carácter esaxerado ou espectacular, feitas para impresionar.

  4. teatro comunitario [ESPECT]

    Movemento teatral de carácter popular asociado á animación sociocultural e á pedagoxía social. Ten como obxectivo converter o teatro nun instrumento de desenvolvemento da comunidade, para potenciar a participación cidadá e a implicación de colectivos específicos na vida comunitaria.

  5. teatro de cámara [ESPECT]

    Compañía ou espectáculo dramático que se desenvolve nun espazo limitado, escaso en recursos materiais e humanos. En Galicia desenvolveron o teatro de cámara a Asociación Cultural Iberoamericana e o Teatro Ditea.

  6. teatro íntimo [ESPECT]

    Movemento teatral de especial relevancia a principios do século XX e que está relacionado coas tentativas de renovación que se producen en Europa e América fronte ao teatro comercial e a un teatro popular pouco atento ao desenvolvemento artístico das artes escénicas.