tecido

tecido

(< tecer)

  1. s m
    1. [TÉXT]

      Entrelazado de fío ou de fíos que forman unha tea ou traballo análogo. A orixe terminolóxica dos tecidos é moi diversa: algúns toman o nome do ligado (tafetá, sarga, raso), outros do seu aspecto (espiga, piqué) ou do efecto da derradeira operación que se ten que efectuar (moaré, estampado). Outras veces conservan o nome xeográfico do punto de orixe (cambrai, gasa) ou o nome do seu inventor (batista). O tecido de lanzadeira está formado por dúas series de fíos perpendiculares entrelazados de maneiras moi variadas. Unha das series, lonxitudinal, denomínase urdido, e a outra, transversal, denomínase trama. A trama adoita ser un só fío ou uns poucos, que se van entretecendo entre os fíos do urdido, alternativamente de dereita a esquerda e viceversa, invertindo a dirección das orlas. Os tecidos ou xéneros de punto por trama están formados por un só fío transversal que se enlaza co mesmo mediante mallas ou puntos, mentres que os tecidos ou xéneros de punto por urdido están formados por un urdido, cuxos fíos se enlazan de lado entre eles formando mallas ou puntos. Denomínase tecido acanalado o que ten canles, xeralmente no sentido do urdido. Tecido tubular sen costura é o formado por dúas teas tecidas simultaneamente e unidas polos bordos mediante o ligado da trama, que vai pola tea superior e volve pola inferior.

    2. Calquera cousa formada ao entrelazar varios elementos.

  2. s m [BIOL]

    Conxunto de células dun organismo coa mesma función e coa mesma diferenciación morfolóxica, e que poden ser semellantes ou de distinto tipo. O tecido constitúe a estrutura fundamental da que se compoñen os órganos dos animais e das plantas. Nos animais distínguense o tecido glandular, epitelial, muscular e nervioso, entre outros, e nos vexetais o parénquima, os tecidos mecánicos ou de sostén (colénquima e esclerénquima), de reserva e de protección, entre outros.

Palabras veciñas

tecelán -lá | tecer | Technics | tecido | tecio | tecite | tecla