telefonía

telefonía

(< teléfono)

  1. s f [COMUN]

    Arte de construír, instalar e manexar os teléfonos.

  2. s f [COMUN]

    Sistema de telecomunicación que consiste na transmisión a distancia do son mediante dispositivos eléctricos. A súa invención debése a Antonio Meuci, aínda que foi patentado por A. Graham Bell. O teléfono de Bell consistía nun micrófono e nun receptor separados a unha certa distancia. No micrófono, a voz do que falaba facía vibrar unha lámina de ferro moi fina, e modificaba así o campo dun imán permanente que levaba unha bobina asociada, na que se inducían correntes eléctricas proporcionais a aquelas variacións: no receptor, as correntes variables que chegaban modificaban o campo doutro imán, o que provocaba a vibración dunha lámina de ferro e reproducía os sons. O micrófono de carbón, ideado en 1888 por D. Hughes e perfeccionado despois por Ader, constituíu unha mellora do sistema. Posteriormente foi substituído polo micrófono de grans de carbón, ideado por Hunnings no ano 1891. Para efectuar a interconexión pódense poñer todos os abonados en contacto cunha terceira persoa (operadora) mediante un cadro manual. Esta conexión, inicialmente feita de forma manual, evolucionou cara á telefonía automática, o primeiro sistema dos cales foi ideado por Strowger en 1896. O selector de Strowger estaba formado por uns commutadores rotatorios que, ao xirar, abrían e pechaban unha serie de contactos. Co rexistrador comezou unha nova etapa, iniciada co sistema Rotary e continuada cos sistemas de barras entrecruzadas (Crossbar). As primeiras liñas telefónicas estaban constituídas por condutores aéreos de fío núo, de ferro ou cobre. A fin de aumentar o número de circuítos foron adoptados cables multicondutores. Cara ao ano 1900 foi introducida a técnica de pupinización dos cables. En 1934 leváronse a cabo os primeiros ensaios sobre cables coaxiais. O primeiro cable telefónico submariño foi instalado en 1956 entre Gran Bretaña e EE UU. O cable de fibra óptica permitiu aumentar a capacidade das liñas telefónicas. As ondas radioeléctricas fixeron posible a telefonía sen fíos ou radiotelefonía. A transmisión efectúase por medio de feixes hertzianos. A telefonía en alta voz ou interfonía resulta moi útil en dependencias dunha mesma empresa comercial.

Palabras veciñas

Télefo | telefonada | telefonar | telefonía | Telefónica | telefónico -ca | telefonista