TERMIGAL
Organismo creado a finais de 1996 mediante un convenio asinado entre a Real Academia Galega e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Dirección Xeral de Política Lingüística). Naceu co obxectivo de exercer a coordinación xeral das actividades terminolóxicas relativas á lingua galega, promover e levar a cabo a elaboración de recursos terminolóxicos e de promover o desenvolvemento de produtos de enxeñaría lingüística. O seu labor fundamental céntrase na elaboración de terminoloxía sistemática sobre distintos ámbitos de especialidade (xurídico, téxtil, automoción, restauración, editorial, deportes, técnicas de mercado, construción, informática, economía...), e realiza tamén un papel importante na chamada terminoloxía “puntual”, para o que conta cun servizo público de consultas para resolver dúbidas ou dificultades terminolóxicas. Conta co servizo ARRECADA, que se ofrece a través de Internet, para recoller e someter a estudo e discusión entre os profesionais problemas e propostas denominativas sobre termos especializados. Dirixido por Manuel González González, desenvolve a súa actividade no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e no Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega. Conta ademais con servizos de documentación e asesoramento.