Terra de Lemos, comarca da
Comarca situada no S da provincia de Lugo e no centro-L da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coa comarca de Sarria (concellos de Paradela e O Incio), ao L coa de Quiroga (Folgoso do Courel e Quiroga), ao S coa de Quiroga (Ribas de Sil), Terra de Caldelas (Castro Caldelas, A Teixeira e Parada de Sil) e Ourense (Nogueira de Ramuín), e ao O coa de Chantada (Taboada, Chantada e Carballedo). Abrangue unha superficie de 940,1 km2en que acolle unha poboación de 34.962 h (2001), distribuída entre os concellos de Bóveda (91,1 km2; 1.949 h [2001]), Monforte de Lemos (199,5 km2; 19.091 h [2001]), Pantón (142,9 km2; 3.341 h [2001]), A Pobra do Brollón (176,7 km2; 2.557 h [2001]), O Saviñao (196,6 km2; 5.010 h [2001]) e Sober (133,3 km2; 3.014 h [2001]). A capitalidade da comarca está na cidade de Monforte de Lemos, onde se asenta un equipamento comercial e de servizos cunha capacidade de atracción que supera os límites comarcais.
Xeografía física
A comarca está situada no bordo meridional da denominada meseta de Lugo, nunha sucesión de superficies de aplanamento a distintos niveis, dominadas pola planitude, só alterada polos canóns dos ríos Cabe, Miño e Sil e polos contrafortes occidentais da veciña serra do Courel. Litoloxicamente existe unha xustaposición de materiais metamórficos, graníticos e sedimentarios: os primeiros dominan no extremo SO, no bordo setentrional e na metade oriental da comarca; os segundos coinciden cunha franxa con orientación SL-NO que bordea polo S e O a depresión de Lemos; e a porción central da comarca, que coincide co fondo da depresión, está cuberta por materiais sedimentarios cuaternarios, fundamentalmente arxilas. Morfoloxicamente existen catro grandes unidades de relevo: os canóns dos grandes ríos, as superficies de aplanamento, continuación da coñecida como superficie de Chantada, a depresión de Lemos e os contrafortes da serra do Caurel. Os canóns son o resultado do profundo encaixamento por procesos de antecedencia dos ríos Cabe (no seu tramo baixo), Miño e Sil, que dan como resultado fortes pendentes froito da diferenza de altitude entre o curso dos ríos (100-200 m de altitude) e o nivel das superficies de aplanamento lindeiras (500-600 m, en ocasións 700 m). A superficie de aplanamento, continuación cara ao L da superficie de Chantada, delimita a depresión de Lemos polo O, esténdese polos concellos do Saviñao e Pantón, e prolóngase polo S dos de Sober e Monforte de Lemos. Ten unha altitude media de 550 a 650 m e caracterízase pola planitude onde só destacan algúnhas aliñacións illadas como os montes de San Paio (687 m) ou as serras que bordean o canón do Sil (Morade e Auga Levada). A depresión de Lemos ocupa o terzo central da comarca nos concellos de Bóveda, centro e N de Monforte de Lemos, O da Pobra do Brollón, N de Sober e L de Pantón, e é unha ampla extensión practicamente chá, con altitudes que van dos 300 aos 400 m, onde destacan cerros illados froito da erosión diferencial que rachan a monotonía imposta pola planitude (San Vicente, 363 m; Valverde, 425 m; Cornado, 475 m e Monsoar, 518 m). O principal factor modelador do relevo é o río Cabe e os seus tributarios, onde son frecuentes a sucesión de socalcos fluviais que determinan pequenos relevos en costa. A franxa oriental da comarca coincide cos primeiros contrafortes da serra do Caurel, con altitudes medias comprendidas entre os 600-800 m nos sectores máis occidentais e os 1.000-1.300 m no extremo SL, composto por unha sucesión de aliñacións NL-SO profundamente escavadas polos afluentes do Cabe, que parten da serra da Trapa, onde se atopan as principais cotas da comarca (alto da Serna, 1.135 m, alto da Neveira, 1.142 m). Climaticamente, diferéncianse catro dominios: oceánico continental, oceánico mediterráneo, oceánico de montaña e oceánico de transición. Esta variedade está condicionada polas unidades de relevo, con áreas abrigadas respecto aos ventos dominantes (as ribeiras dos ríos Miño e Sil, o curso baixo do Cabe e a depresión de Lemos) e outras expostas (a superficie de erosión que prolonga á de Chantada e os contrafortes occidentais da serra do Courel). Nas ribeiras a temperatura media anual é de 15,1°C, a do mes de xaneiro é de 7,7°C e a do mes de xullo de 23,8°C, cunha amplitude térmica extrema que chega aos 26,5°C, e cunhas precipitacións de 772 mm anuais. Nas terras da depresión de Lemos a temperatura media anual é de 13,9°C, a de xaneiro é de 6,8°C e a de xullo de 21,8°C, cunha amplitude térmica extrema que chega aos 27,9°C, e cunhas precipitacións de 823 mm. Nas terras de maior altitude do Saviñao, Pantón e A Pobra do Brollón a temperatura media anual é de 10,8°C, a media de xaneiro é de 4,6°C e a de agosto de 17,7°C, cunha amplitude térmica extrema que chega aos 24,5°C, e cunhas precipitacións anuais de 1.457 mm. A rede fluvial está organizada arredor do río Cabe, afluente do Sil, cuxa conca ocupa as tres cuartas partes do territorio comarcal, xa que drena a depresión de Lemos e as terras que marcan a transición coa superficie de Chantada e a serra do Courel. O seu curso segue unha dirección NL-SO, nace no veciño concello do Incio e atravesa os concellos da Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Pantón e Sober. Distínguese o tramo medio do baixo. O primeiro discorre pola depresión de Lemos, segue un percorrido sinuoso e recibe pola dereita os ríos Cinsa e Ferreira e pola esquerda o Sante. No seu tramo baixo abandona a depresión e discorre profundamente encaixado entre as terras da superficie de Chantada, onde só recibe torrentes. A periferia comarcal está atravesada polo Miño e o Sil, ambos os dous profundamente encaixados; o primeiro segue unha dirección N-S, e o seu curso está condicionado polos encoros de Belesar e Os Peares. A súa conca de drenaxe directa só acada certa amplitude, ao capturar as augas dos ríos Saviñao e Sardiñeira, que drenan as terras centrais e setentrionais do Saviñao. O Sil tamén discorre profundamente encaixado, segue unha dirección L-O e recibe, ademais do Cabe, o río San Xoán, responsable da drenaxe do extremo S do concello de Monforte de Lemos. O río Lor marca parcialmente o límite SL. A vexetación natural é moi variada, e destacan as superficies ocupadas por castiñeiros e carballos nas terras continuación da superficie de Chantada (O Saviñao e N de Pantón). Na depresión de Lemos a superior sequidade e o maior rigor térmico fan que a vexetación natural sexa de cerqueiros, moi afectados pola intensa acción antrópica. Nas ribeiras, grazas a un clima moi benigno, aparecen especies de tipo mediterráneo (aciñeiras, sobreiras e érvedos) en claro contraste coa vexetación atlántica predominante na maior parte da comarca.
Xeografía humana
A comarca da Terra de Lemos tiña a comezos do s XXI unha poboación moi por debaixo da de 1900, xa que perdeu o 40,33% do total. Esta evolución tan negativa non foi continuada no tempo, xa que ata 1940 tendeu a crecer acadando nesa data o seu máximo poboacional, pero foi a partir de 1950 cando se produciu unha rápida e intensa despoboación. A comarca comezou o s XX cunha poboación estancada (entre 1900 e 1920 perdeu apenas 19 h), pero entre 1920 e 1930 a perda foi dun -0,21% interanual, un decrecemento marcado pola emigración cara a América, moi forte nunha comarca onde a presión sobre a terra era moi grande, apenas compensado polo incipiente crecemento da cidade de Monforte de Lemos. A década de 1930 foi de forte expansión, de feito é a única etapa en que se pode falar de crecemento, debido ao desfavorable contexto para a emigración por razóns basicamente políticas e ao crecemento de Monforte de Lemos, que viviu un importante apoxeo como centro de servizos a escala comarcal e de transportes a escala galega. A década de 1940 foi un momento de débil decrecemento (-0,22% interanual), xa que a tímida reanudación da emigración no rural foi compensada pola aínda positiva dinámica do núcleo monfortino, cidade que en breve entraría tamén en decadencia. A partir de 1950 as perdas de poboación pasaron a ser extraordinariamente graves, entre 1950 e 1960 a taxa de crecemento interanual foi do -1,02%, e entre 1960 e 1970 do -1,64 %. Os motivos hai que buscalos na emigración que xa alcanzara a cidade de Monforte de Lemos, sumida nunha forte crise industrial e do seu papel como nó de comunicacións. O terzo final do s XX seguiu caracterizándose pola perda de residentes (entre 1970 e 2001 perdeu efectivos a razón dun -0,95% interanual), aínda que a causa deste proceso pasou progresivamente da emigración a razóns puramente vexetativas, pois trátase dun espazo moi avellentado tras anos de emigración das poboacións de idades máis novas. Por concellos distínguese Monforte de Lemos do resto da comarca, xa que o decrecemento non foi tan acusado. Os concellos rurais perderon efectivos sempre por riba dos valores comarcais. A menor contracción correspóndelle a Bóveda (-43,32%) e a maior a Pantón (-74,28%), e presentan valores intermedios O Saviñao (-55,20%), Sober (-66,95%) e A Pobra do Brollón (-68,01%). O avellentamento da poboación é notable, xa que os menores de 15 anos a escala comarcal son só o 4,8% (2004), fronte ao 39,3% dos de máis de 65 anos. O concello menos avellentado é Monforte de Lemos, e o máis avellentado, Sober. Por sexos o predominio correspondelle ás mulleres, que representan o 52,2% da poboación da comarca.
Xeografía económica
O sector primario é unha importante actividade económica co 16,7 % da man de obra, e ten superior relevancia no Saviñao e na Pobra do Brollón, valores intermedios en Bóveda, Pantón e Sober, mentres que apenas é relevante en Monforte de Lemos. A superficie cultivada representa, a escala comarcal, o 17,02% do territorio. Os concellos onde ten máis representatividade son Bóveda, Monforte de Lemos e O Saviñao, e onde menos na Pobra do Brollón. O cultivo máis relevante é o forraxeiro que, a escala comarcal, representan, o 46,04% do espazo cultivado, en especial en Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón e O Saviñao, con máis da metade das terras labradas. Segue en importancia o centeo, con especial relevancia no Saviñao e en terceiro lugar está a pataca, especialmente representativa en Pantón, seguida do viñedo, cultivo potenciado a partir da creación da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que impulsou a recuperación dunha actividade vitícola que ocupa o 7% do espazo cultivado, especialmente en Pantón e Sober. Os prados e pastos representan o 15,97% do territorio, e teñen maior importancia en Bóveda e Monforte de Lemos. O armentío bovino está máis orientado á produción de leite e o gando porcino dedícase tanto á reprodución coma ao cebo. A industria só representa o 13,1% da poboación ocupada comarcal, e adquire valores máximos en Sober e mínimos no Saviñao. O groso da industria concéntrase en Monforte de Lemos, e existen algúns polígonos industriais coma os de Reboredo, Escairón e Bóveda, que apenas tiveron incidencia no fomento da industria comarcal. Destacan as empresas agroalimentarias, de curtidos e calzado, e de materiais de construción. A construción adquiriu unha relevancia semellante á industria, pois neste sector traballa o 12% da man de obra. Destaca especialmente en Monforte de Lemos e, concretamente en Escairón, onde a demanda inmobiliaria procedente de novos inmigrantes e, sobre todo de retornados, alimenta unha intensa actividade edificatoria en que destacan algunas empresas. O proceso de terciarización está xa moi avanzado, xa que os servizos representan o 58,2% da man de obra. A práctica totalidade do terciario especializado está concentrado no concello de Monforte de Lemos, que conta con servizos e comercios de alcance comarcal (medias superficies, comercio especializado, hoteis, hospital comarcal, xulgados, delegacións de servizos dependentes da Xunta e do Goberno Central e delegación da Cámara de Comercio), amparado nunha longa tradición e favorecido, ata certo punto, pola despoboación do medio rural que restou vitalidade aos centros de alcance local (Escairón, Bóveda e Ferreira). Un elemento que contribuíu á vocación terciaria da cidade monfortina é o seu papel de nó ferroviario, en decadencia pero que non deixa de ter a súa plasmación na porcentaxe de ocupados no sector servizos. A Terra de Lemos é unha terra de encrucillada, converténdose a súa capitalidade no principal nó de comunicacións da Galicia centro-oriental. Nesta cidade conflúen as estradas N-120, de Logroño a Vigo, que atravesa a comarca polos concellos da Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober e Pantón; a C-546, que enlaza Monforte de Lemos con Lugo e o corredor rápido, e CRG-22 que enlaza Monforte de Lemos con Lalín. No ferrocarril, Monforte é o segundo nó ferroviario de Galicia, xa que conflúen as liñas A Coruña-Palencia e Monforte de Lemos-Vigo.
Historia
As mostras de poboamento remóntase a épocas prehistóricas coa presenza de restos megalíticos no Saviñao (Abuime) ou os castros de Dactonio en Monforte de Lemos ou de Proendos en Sober. En época castrexa e romana o territorio estivo ocupado polos lemavos. Durante a dominación sueva quedou dentro do condado pallarense, con capital identificada coa aldea de Pallares (Baamorto-Monforte de Lemos), que sufriu sucesivamente a dominación visigoda e as incursións islámicas ao longo do s VIII. Na Idade Media estivo baixo a influencia das casas dos Lemos e, posteriormente, dos Castros, que tomaron Monforte de Lemos como sede dos seus estados. Durante o antigo réxime a Terra de Lemos estivo dividida en múltiples xurisdicións, entre elas destacaban os extensos señoríos dos condes de Lemos, as dos mosteiros de Ribas de Sil e de San Vicente do Pino. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa subsitución pola organización municipal do territorio, aínda que en 1823 a derrogación da mesma por Fernando VII supuxo o regreso ao Antigo Réxime. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. No primeiro período constitucional creáronse as parroquias que integran Bóveda e quedaron incluídas nos concellos de Fiolleda en Guntín. E en 1835 formaron parte da Pobra de Brollón e Couto Vello ata que en 1840 se creou o concello de Bóveda. No territorio de Monforte de Lemos formáronse no primeiro período consitucional os concellos de Fiolleda, Monforte, Couto Vello e Moreda e na división de 1835 os de Couto Novo, Monforte, Moreda, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, ata que na reorganización de 1840, se configurou o de Monforte de Lemos. No primeiro período constitucional creáronse, no territorio de Pantón, os concellos de Eiré, Doade e San Vicene de Pombeiro e en 1835 formáronse os de Moreda, Couto Vello, O Saviñao e Sober ata que en 1840 se creou o concello de Pantón. No territorio da Pobra do Brollón creáronse no primeiro período consitucional os concellos da Pobra do Brollón, Fornelas e Cereixas, e en 1835 os da Pobra do Brollón, Somoza Maior de Lemos e Quiroga, ata que en 1840, naceu o actual concello da Pobra do Brollón. No territorio do Saviñao formáronse os concellos de Vilasante, Saviñao e Diomondi; este desapareceu en 1822, e en 1835 xurdiu o concello do Saviñao. Os concellos de Couto Novo e Sober xurdiron no primeiro período constitucional e formaron en 1835 o de Sober.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos, cómpre destacar a igrexa de San Fiz de Rubián e a capela do Ecce Homo en Bóveda; o mosteiro de San Vicente do Pino, o convento de San Domingos ou da Régoa, o convento de Santa Clara e o colexio de Nosa Señora da Antiga ou da Compañía en Monforte de Lemos, cuxo centro histórico foi declarado BIC en 1973; as igrexas de San Fiz de Cangas (BIC, 1979), San Vicente de Pombeiro, San Vicente de Atán (BIC, 1975) e a o do antigo mosteiro de San Vicente de Eiré (BIC, 1964) e o mosteiro do Divino Salvador de Ferreira de Pantón (BIC, 1975) en Pantón; as igrexas de San Cosme de Liñares, San Salvador de Ferreiros e San Xoán de Salcedo na Pobra do Brollón; o antigo mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (convertido en parador de turismo) e as igrexas dos antigos mosteiros de San Paio de Diomondi e San Vitoiro de Ribas de Sil no Saviñao; e as igrexas de Pinol, Lobios e Proendo en Sober. No eido da arquitectura civil sobresaen os pazos de Ver, Guntín e dos Marqueses de Villaverde de Bóveda; o palacio dos condes de Lemos e a torre da Homenaxe do antigo castelo, declarada BIC en 1994, o pazo de Tor e a torre de Moreda (BIC, 1994) en Monforte de Lemos; os pazos de Ferreiroá e Goián, o castelo de Masid ou de Ferreira de Pantón (BIC, 1994) e a torre de Bastide (BIC,1994) en Pantón; a casa grande de Marcón e a ponte romana da Labrada na Pobra do Brollón; a torre da Candaira no Saviñao; e o pazo de Sober e a casa grande de Rosendo en Sober. Do patrimonio natural destacan os espazos naturais Canón do Sil e o río Cabe, declarados Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) en 2001. Celébranse, entre outras, as festas do Ecce Homo en Bóveda; as da Virxe de Montserrat e San Mateo en Monforte de Lemos; as romarías do Regueiro e das Augas Santas en Pantón; as romarías de San Vitorio e de Santalla na Pobra do Brollón; a Virxe dos Milagres e a romaría de Diomondi no Saviñao; e a romaría da Virxe de Cadeiras e a festa do Carme en Sober. Ademais, en Monforte de Lemos ten lugar a Feira de Mostras de Val de Lemos, a Semana Micolóxica Galega e en Sober, a feira do viño de Amandi.