Terranova
Illa de Canadá, situada no Océano Atlántico, na entrada do golfo de San Lourenzo, separada da península do Labrador polo estreito de Belle Isle, ao N, e da illa do Cabo Breton (Nova Escocia) polo estreito de Cabot, ao SO (112.300 km2). Coas illas adxacentes e a rexión nororiental da península do Labrador constitúe a provincia de Terranova (405.720 km2; 512.930 h [2001]), coa capital en Saint John’s. Está formada por un altiplano ondulado de altitude moderada, que chega a 700 m nas Long Range Mountains, á beira do litoral occidental, mentres que a parte oriental é máis baixa. É importante a economía pesqueira, principalmente do bacallau e do arenque. Descuberta por John Cabot en 1497, a extraordinaria riqueza piscícola das súas costas convertérona nunha das zonas máis discutidas en todos os tratados internacionais sobre esta materia. Franceses e ingleses fundaron establecementos e protagonizaron diversos incidentes, ata que o Tratado de Utrecht (1713) a cedeu aos ingleses, que a colonizaron e a dotaron de goberno autónomo en 1855.