territorio
(
-
-
s
m
Superficie de terra que comprende unha xurisdición.
-
s
m
[XEOG]
Espazo xeográfico, en sentido amplo, atribuído a un ser individual ou a unha entidade colectiva. É dicir, é unha porción de espazo ocupado por unha persoa, grupo ou estado. Cando se asocia co estado adquire dúas connotacións específicas, unha que ten que ver coa soberanía territorial, cando un estado reclama o seu control lexítimo exclusivo sobre un área determinada, con límites definidos; e outra que se refire á área que non está totalmente integrada na vida política dun estado, como un territorio colonial. En relación aos feitos humanos, o termo acada, referido a un individuo ou grupo, o sentido de ámbito de expansión ou posible localización, ou de espazo marcado para ser empregado de forma exclusiva como hábitat, ámbito de vida cotiá ou caza, entre outras posibles funcións relacionadas coa noción de dominio. A acción deste grupo xera inmediatamente a delimitación, como acontece nos estados onde as fronteiras son as que determinan a súa área territorial. O territorio é xerado a partir do espazo e é resultado da acción de distintos axentes, desde o estado ao individuo, pasando por todas as organizacións. No uso xeográfico máis social, o territorio refírese ao espazo social limitado, ocupado e empregado por distintos grupos sociais como consecuencia da posta en práctica da súa territorialidade ou do campo de poder sobre un espazo exercido polas institucións dominantes. Pola outra banda, a territorialidade é a organización espacial de persoas ou grupos sociais mediante a demarcación de fronteiras.
-
s
m
[ECON]
Porción da superficie terrestre suxeita a apropiación por parte de individuos para levar a cabo calquera actividade, especialmente de produción e reprodución ou consumo, que se consideran como demarcación do exercicio dunha serie de competencias (políticas ou administrativas).
-
ordenación do territorio /
[POLÍT/XEOG]
Política que se ocupa da presenza, distribución e disposición no espazo daqueles feitos aos que se confire a capacidade de condicionar ou influír no desenvolvemento e benestar dos seus habitantes. A Carta Europea de Ordenación do Territorio, subscrita en 1984, defínea como a expresión espacial da política económica, social e cultural de toda sociedade. Aborda tanto os problemas relativos ás rexións como os que afectan a todo o territorio dun estado, e son aplicadas polas diversas administracións. No caso galego, nun territorio dado poden interactuar políticas de ordenación da UE, da administración central, da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial e do concello, ademais de plans coordinados entre varias ou todas estas administracións e outros organismos competentes. A ordenación do territorio comparte elementos comúns con outras prácticas como o urbanismo e a planificación ambiental. É á vez unha disciplina científica, unha técnica administrativa e unha política concibida como un enfoque interdisciplinario e global co obxectivo dun desenvolvemento equilibrado e a organización física do espazo. Pero fundamentalmente é unha función pública, unha política complexa e de recente implantación, que pode e debe apoiarse sobre instrumentos xurídicos, sobre prácticas administrativas, sobre principios consolidados e en diferentes coñecementos científicos. Un instrumento ao servizo de obxectivos xerais como o uso adecuado dos recursos, o desenvolvemento e a calidade de vida dos cidadáns. Oriéntase progresivamente á definición e xestión de modelos territoriais correspondentes a diferentes ámbitos. Neles identifícanse estruturas e sistemas espaciais que contribúen a darlle cohesión interna e a integrar territorios maiores. Normalmente, tamén se distinguen as áreas que requiren tratamentos ou réximes diferenciados polas necesidades específicas do seu desenvolvemento. Estas políticas poden incluír diferentes medidas: axudas máis ou menos organizadas, incentivos para o desenvolvemento dos propios recursos naturais da área, asentamento de actividades económicas, exencións e beneficios fiscais e plans de formación da man de obra. Estratexias de planificación do uso da terra que se combinan con estratexias de planificación do desenvolvemento e de integración territorial. A aplicación dun programa de ordenación do territorio nun espazo dado debe ter en conta diferentes problemas, tales como a incompatibilidade de obxectivos co desenvolvemento doutras áreas veciñas, o que implica a necesidade de coordinación para axustarse o máis posible a un equilibrio de crecemento entre ambos espazos. Outro problema é o da limitación dos recursos para o desenvolvemento, que se intenta resolver mediante o aproveitamento responsable e sostido dos medios económicos, espaciais e humanos posibles. A aplicación dun plan de ordenación exclusivamente cun método de análise custo-beneficio tamén implica problemas socioculturais que poden facer fracasar os seus beneficios reais. As técnicas de programación e as análises de optimización previas deben contar cun deseño multidisciplinar e completo para un maior grao de éxito. Como función pública, a ordenación do territorio comezou a inicios do s XX en EE UU e nalgúns países europeos, entre eles España. Desenvolveuse fundamentalmente tras a Segunda Guerra Mundial pola necesidade de planificación para a recuperación dos territorios devastados polo conflito bélico. Ata a crise internacional da década de 1970 houbo unha práctica de ordenación na maioría dos estados europeos. Desde mediados da década de 1980 foi politicamente impulsada en Europa polo Consello de Europa e a Unión Europea. O proxecto de lograr un desenvolvemento equilibrado dos países europeos membros da UE, a través dunha rexionalización do crecemento que reduza os desaxustes territoriais existentes, levou consigo a posta en marcha de múltiples plans de ordenación territorial, especialmente nas rexións máis desfavorecidas e, como tales, recoñecidas como obxectivos de desenvolvemento. En España, a política de ordenación do territorio está atribuída pola Constitución de 1978 ás comunidades autónomas, aínda que isto implica necesariamente o seu entendemento coas escalas locais e estatais. As políticas de ordenación poden aplicarse a obxectivos de moi diverso tipo. Dentro desta variedade convén diferenciar as destinadas a un desenvolvemento das cidades, ordenación urbana, e as orientadas aos espazos rurais, ordenación rural. A ordenación urbana é a vontade e acción de dispor adecuadamente dos diversos compoñentes físicos e funcionais que forman o feito urbano. Por esta razón, esta expresión é, practicamente sinónimo de urbanismo e de planeamento urbanístico. As prácticas urbanísticas, desenvolvidas nas cidades europeas desde a Revolución Industrial, inclúen a idea de programar e planificar os recursos das cidades para a súa mellor eficacia. Deste modo, as prácticas de ordenación urbana entran dentro dos propios obxectivos do urbanismo. A ordenación rural é a disposición adecuada dos usos e os elementos constituíntes dos espazos de funcionalidade predominantemente agropecuaria. Trata de ordenar os usos do solo, mellorar as condicións de calidade de vida e dotar de equipamentos e infraestruturas aos habitantes destas áreas. Inclúe a distribución dos aproveitamentos agrosilvopastorís ou a organización dunha masa forestal para obter do modo máis económico a máxima renda sostible nunha produción determinada ou para un fin específico especial (protector, físico ou estético) ao que se destina. Os recentes cambios producidos e a diversificación funcional dos ámbitos rurais, esixe a consideración de novos feitos que tamén inciden na ordenación rural, como os usos recreativos e turísticos. Como política ou actuación pública, a ordenación rural relaciónase cos cambios dos ámbitos rurais. En procesos de transformación realizáronse intervencións públicas orientadas a xerar explotacións agrarias máis competitivas e mellor adaptadas ás conxunturas económicas. En España, as políticas de ordenación rural iniciáronse na década de 1920 coa actuación da Junta de Colonización y Repoblación Interior, continuando na Segunda República unida á reforma agraria. Durante o Franquismo producíronse actuacións de ordenación rural mediante o Instituto Nacional de Colonización, como a creación de novos poboados e vías de comunicación ou áreas de novo parcelamento. As incidencias da política agraria común da UE son a principal referencia en España. Algúns dos seus programas están destinados á mellora dos ámbitos rurais. Trátase dunha ordenación do territorio en ámbitos rurais, destinada ao fortalecemento das estruturas e sistemas territoriais nunha determinada área, mediante investimentos públicos ou outros mecanismos. O obxectivo é contribuír en xeral ao desenvolvemento económico e benestar social do ámbito rural de referencia.
-
s
m
-
territorio autónomo
[DER]
-
s
m
Extensión de terra que forma unha circunscrición política.
-
s
m
Entidade político-administrativa, nalgúns estados federais de Arxentina, Brasil, Canadá, India ou Venezuela, inferior ás provincias, ás rexións ou aos estados autónomos, que non goza de autonomía interior.
-
s
m
-
s
m
[BIOL]
Área que un organismo defende fronte a outros membros da sua propia especie ou de especies diferentes. As dimensións do territorio son características de cada especie e dependen da cantidade e da natureza da alimentacion e da produtividade do territorio. A súa estrutura é variable, e os seus límites establécense primeiramente por un combate, e posteriormente mantéñense mediante actitudes ameazadoras ou sinais, que poden ser olfactivos, ópticos ou acústicos.