Tesalia

Tesalia

Rexión de Grecia que comprende as actuais nomoí de Larissa, Tríkala, Kardítsa e Magnesia (14.037 km2; 734.846 h [1991]). Situada sobre Grecia Central, está case totalmente rodeada de montañas. As industrias concéntranse en Larissa, mentres que Vólos constitúe o porto comercial. Tesalia obtivo un notable desenvolvemento turístico, grazas sobre todo aos centros dos Meteoros e Vólos. Habitada desde o Neolítico, sufriu a invasión indoeuropea e, aínda que en época arcaica (ss VII-VI a C) foi unha rexión poderosa polas súas riquezas agrícolas, a partir do s V a C as loitas entre as diversas ramas nobiliarias e a rivalidade das distintas clases sociais cidadás debilitaron a forza da rexión. Caeu nas mans de Macedonia (356-346 a C) ata ser declarada autónoma polos romanos despois da Batalla de Cinocéfalos (197 a C) e incorporada á provincia de Acaia por Augusto. Na Idade Media foi posesión bizantina, aínda que sufriu diversas invasións dos ávaros, eslavos, árabes, búlgaros (977-1014) e normandos. Despois da Cuarta Cruzada foi asignada (1204) ao marqués Bonifacio I de Montferrato e, posteriormente (1225) a Teodoro III, déspota de Epiro. Estado independente entre 1271 e 1318, foi invadido polos bizantinos e os almogáraves (1309), que se organizaron nunha democracia. Afonso Federico de Aragón conquistou Sidhirókastron e a parte meridional da rexión de Tesalia en 1319, e con estes territorios constituíu o ducado de Neopatria. Dominada posteriormente polos serbios, foi conquistada polos turcos en 1393. A partir de 1821 participou repetidamente nas loitas por anexarse ao reino de Grecia, feito que conseguiu en 1881.