Theotokópoulos, Doménikos
Pintor. Coñecido como El Greco, formouse nas ríxidas formas da arte bizantina. En Venecia (1560) parece ser que traballou no taller de Tiziano e puido coñecer a pintura de Tintoretto, Bassano e Schiavone, como amosan o tríptico da Galleria Estense de Modena, o Retrato de G. B. Porta, Expulsión de los mercaderes del templo e Milagro del cielo. En 1570 chegou a Roma, onde asimilou de Miguelanxo a concepción grandiosa do corpo humano e a tensión dramática: Retrato de Giulio Clovio, La curación del ciego e unha nova Expulsión de los mercaderes del templo. Ao redor de 1575-1576 chegou á Península Ibérica e estableceuse en Toledo, onde pintou o retablo maior de Santo Domingo el Antiguo (1577) e a Asunción, onde coa distorsión dos corpos dos personaxes tentou expresar o seu espiritualismo. O concepto do mundo exaltado polo páthos relixioso obsérvase particularmente en El expolio, da sancristía da catedral de Toledo. De gusto manierista son as diferentes versións de San Francisco de Asís, La Magdalena e San Pedro Penitente. Entre 1579 e 1584 traballou en Madrid para o rei: Adoración del nombre de Jesús, El sueño de Felipe II e Martirio de san Mauricio y la legión tebana. Da mesma época é o Retrato del caballero de la mano en el pecho (1578-1580). En Toledo pintou El entierro del señor de Orgaz (1586-1588), para a igrexa de Santo Tomás, os retablos de Talavera la Vieja (1591) da capela de San José e as pinturas do colexio de Doña María de Aragón (1596-1600). No período de madurez, o seu estilo transformouse coa tendencia a alongar as figuras, retorcidas e desnaturalizadas e a luz serviulle para exaltar a cor e a pincelada longa é causa determinante do ambiente dramático das que destacan as pinturas da igrexa do Hospital de la Caridad (1603-1605), Vista de Toledo (1603-1607) e as series de Apóstoles da catedral de Toledo e da Casa del Greco, executadas probablemente coa axuda dos seus colaboradores, entre os que destacan Francico Preboste e o seu fillo Jorge Manuel Theotokópuli. Os seus últimos anos foron moi fecundos, destacan, entre outras obras, Cardenal Fernando Niño de Guevara (1601), Fray Hortensio Félix de Paravicino (1609), Jerónimo de Cevallos e Rodrigo Vázquez. A súa obra, cualificada de manierista, trascendeu a súa época.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Candia, Creta -
Deceso
Lugar : Toledo