Tíber
Tíber
Río de Italia de 405 km de lonxitude que pertence á conca tirrénica. Nace nos Apeninos centrais (Monte Fumaiolo), atravesa de N a S Umbria, pasa por Perugia e no seu curso baixo rega Lacio e Roma, e preto do mar divídese en dous brazos. O esquerdo, denominado Fiumara, desemboca preto de Ostia; o da dereita forma unha canle navegable que ten o nome de Fiumicino. Denominado Albula en época moi antiga, os romanos déronlle o de Tiberis, en poesía, e Thybris como divindade relixiosa. A pesar de ser de navegación difícil, foi unha vía importante para o comercio. Na Idade Media e durante o Renacemento fíxose lendario pola multitude de corpos de asasinatos que enguliu en Roma.