tibetano -na

tibetano -na

(< topónimo Tíbet)

    1. adx

      Relativo ou pertencente ao Tíbet, aos seus habitantes ou á súa lingua.

    2. s

      Natural ou habitante do Tíbet.

  1. [ETN]
    1. adx

      Relativo ou pertencente ao pobo tibetano.

    2. s

      Individuo do pobo tibetano.

    3. s m pl

      Pobo de etnia mongola, con notables diferenzas étnicas segundo as rexións, que habita na rexión autonóma do Tíbet e en boa parte das provincias chinesas de Sikang, Quinghai e Sinkiang, no Ladākh e no Sikkim (India), en Nepal setentrional e en Bhutan.

  2. s m [LING]

    Lingua do phylum sino-tibetano que falan os tibetanos. Presenta numerosas variacións dialectais. De estrutura monosilábica, son característicos os diversos niveis de tonalidade e a variedade de formas honoríficas segundo a posición do interlocutor. A escritura e a gramática foron elaboradas no s VII por T’on-mi Sam-bho-ṭa a partir da escritura india. Usan a escritura alfabética horizontal, de esquerda a dereita, e de puntuación intersilábica, e consta de 30 consoantes e 4 vogais.

  3. literatura tibetana [LIT]

    Literatura cultivada en lingua tibetana. Eminentemente relixiosa, segue dous modelos ben definidos: o da India, para as obras de carácter ético e filosófico, e o de China, para as obras históricas. As primeiras obras de relevo (dos ss VII e VIII) son traducións do canon búdico, compiladas posteriormente (no s XIII) co nome de bKa’-’gwur, cuxos comentarios filosóficos formaron o bsTan-’gyur.

  4. música tibetana [MÚS]

    Arte musical cultivada no Tíbet. Tivo influencia chinesa, india, árabe e indonesia, e os instrumentos máis característicos son unhas trompas xigantes e outras constituídas con ósos humanos. A percusión consiste especialmente en timbais e címbalos. Os cantos búdicos son homófonos, coa participación de campás, e ademais de culto do templo, destacan as danzas de máscaras, C’am; os cantos de traballo, t’on-skad, e as cancións con danza, glu-gar.

  5. relixión tibetana [RELIX]

    Conxunto de doutrinas relixiosas implantadas no Tíbet. A relixión prebudista (gTsug ou gTsuglag), de natureza máxica e con elementos xamanistas, posuía crenzas cosmogónicas e animistas e practicaba o sacrificio de animais e rituais de tipo funerario, adiviñatorio e oracular. O budismo tibetano, vulgarmente denominado lamaísmo, baseouse nos principios filosóficos e metafísicos do mahāyāna, e caracterizouse por un sincretismo das correntes budistas con fortes influencias da relixión autóctona, da que incorporou unha parte das deidades e os espíritos tutelares. Doutrinalmente dividiuse en catro grandes escolas: a rNying-ma-pa (a Antiga), considerada a máis esotérica; a Sa-skya-pa, de preferencias eclécticas, establecida polo erudito e monxe Kun-dga’-snying-po (s XII); a bKa’-brgyud-pa, de tendencias ascético-místicas, cuxos xefes espirituais son o tradutor de textos sánscritos Mar-pa e o seu discípulo o iogui Mi-la-ras-pa (ss XI e XII); e a dos dGelug-pa (os Virtuosos), establecida polo reformador monástico Tsong-k’a-pa (ss XIV- XV), á que pertencen os Dalai Lama. Características destas escolas son unha serie de prácticas, como a consecución da realización durante o estado post mortem, entre unha vida e a reencarnación seguinte (bar-do).

Palabras veciñas

Tibertelli, Luigi Filippo | Tibesti | Tíbet | tibetano -na | tibia | tibial | Tibiás