Ticino
Cantón meridional de Suíza que penetra dentro do estado italiano (2.812 km2; 301.600 h [2000]). A súa capital é Bellinzona (16.759 h [1998]). Corresponde á alta conca do río homónimo aberta nos Alpes, e esténdese desde San Gottardo ata o lago de Lugano. A maior parte do territorio está cuberta de bosques e pastos. Ten tamén gandaría, industria de transformación e turismo, este último de gran importancia. A poboación é de fala italiana e de confesión maioritariamente católica. A cidade máis importante en canto á poboación é Lugano. Pola súa situación xeográfica, os vales de Ticino foron cobizados polos primeiros cantóns confederados. En 1439 foi invadida novamente por Uri e en 1503 Luís XII de Francia, señor de Milán, cedeu Bellinzona aos confederados. Despois da Batalla de Marignano (1515), os confederados abandonaron definitivamente as aspiracións expansionistas cara a Lombardia. En 1803 a Acta de Mediación napoleónica integrou Ticino como novo cantón soberano na Confederación Helvética.