Tigris

Tigris

Río de Asia anterior de 1.950 km de lonxitude. Nace en Anatolia, nas vertentes do Tauro, e despois duns 400 km en territorio turco, forma fronteira entre Turquía e Siria e penetra en Iraq por unha vasta depresión. Baña Tikrīt e Sāmarrā’ e penetra na chaira de Mesopotamia. Augas abaixo de Bagdad, recibe o Diyālā procedente dos montes Zagros e únese ao Éufrates en Al-Qurna e forma o Shatt al-’Arab, que leva as augas de ambos os dous ríos ao Golfo Pérsico. O seu caudal é abundante (ten unha media de 1.240 m3/s), grazas aos numerosos tributarios que lle subministran as augas de Kurdistán e Zagros. O seu réxime caracterízase polas enchentes de primavera, a causa do desxeo, con forte estiaxe no verán. A súa importancia provén do aproveitamento para o regadío, que permite cultivos de trigo, cebada, leguminosas, dátiles e outras froitas. A partir do terceiro milenio a C os asirios fundaron na súa ribeira cidades importantes (Assur, Nínive e Nimrud) e construíron os primeiros diques e canles de desviación e rego. Durante o período comprendido entre 197 e 237 o Tigris do N de Mosul constituíu a fronteira que separaba a Mesopotamia romana do territorio dos partos. Navegable de Basora a Bagdad, serviu de entrada aos británicos na invasión de Iraq (1914-1918).