timo
(< lat thymu < grθύμος)
Glándula de secreción interna dos vertebrados que está situada na rexión branquial nos peixes e na gorxa nos outros vertebrados. No home sitúase na parte inferior do pescozo e na superior do mediastino anterior. É un órgano relacionado coa produción de leucocitos e é esencial para o establecemento e o mantemento da competencia inmunolóxica. Durante o terceiro mes de vida fetal as células indiferenciadas, precursoras das inmunoloxicamente competentes e provenientes do fígado fetal, chegan ao timo, onde son estimuladas a entrar en mitose e madurar ata converterse en células inmunoloxicamente competentes. Posteriormente estas células abandonan o timo e forman o compartimento de linfocitos antixenosensibles circulantes (linfocitos T).