Timor

Timor

Illa de Insulindia, situada na zona suroccidental do arco do arquipélago das pequenas Illas da Sonda, entre o mar de Savu e o mar de Timor (62.495 km2; 4.016.394 h [1990]). A súa capital é Kupang (129.259 h [1990]). Administrativamente, a metade oriental constitúe Timor-Leste, mentres que a metade occidental forma parte da provincia de Sonda Oriental (Indonesia). É unha illa montañosa, con cimas que sobrepasan os 2.000 m. O clima é caloroso, máis seco ao N e húmido ao S. A poboación é maioritariamente indonesia. A actividade principal é a agricultura, que produce arroz, millo, mandioca, tabaco, café, copra, caucho e sándalo. Ten gandaría bovina, de búfalos, caprina e ovina. Habitada por pobos malaios e chineses, a illa foi descuberta en 1520 por barcos portugueses que estableceron unha base en Solor. En 1613 os holandeses ocuparon a illa, pero os portugueses reivindicaron a súa soberanía, mentres resistían en Dili e na zona oriental. Durante os ss XVII e XVIII holandeses e portugueses enfrontáronse por Timor e en 1904 dividírona en dous: a oriental foi para os portugueses e a occidental para os neerlandeses. En 1949 a zona neerlandesa foi incorporada á República de Indonesia, mentres que a portuguesa non acadou a confusa independencia ata 1975. Pouco despois Indonesia ocupou a zona oriental e, a pesar das protestas portuguesas e da resistencia da Frente Revolucionária do Timor-Leste Independente (FRETILIN), anexionou a zona (1976), que en 2002 accedeu á plena independencia.