tipografía

tipografía

(< tipo- + -grafía)

  1. s f [GRÁF]

    Arte de deseñar, compoñer e imprimir textos mediante tipos móbiles. Desde o punto de vista do deseño, a tipografía distínguese do grafismo tanto pola limitación dos seus medios como pola súa “neutralidade” respecto ao texto; mentres que o grafismo reforza o impacto psicolóxico do texto mediante unha gama moi variada de recursos, a tipografía limítase a vehiculalo dunha maneira totalmente imparcial. O libro é por excelencia o obxecto de deseño tipográfico. No que respecta á composición, existen dúas grandes estéticas tipográficas: a simétrica clásica, desde os primeiros tempos da imprenta, e a asimétrica, que naceu cara a 1890-1905 co movemento da Freie Richtung, modernista e desenvolvida principalmente a partir dos experimentos do Baubaus alemán, cuxo primeiro texto doutrinal importante foi o Elementare Typographie, de J. Tscnicnoid (Leipzig 1925). Tres tradicións de escritura contribuíron a elaborar os tipos de imprenta do alfabeto latino: a letra gótica, a humanística e a capital epigráfica romana. En Alemaña, o carácter dos primeiros libros impresos e o peso da Reforma consagraron a letra gótica como tipo de imprenta. No resto de Europa, os tipos góticos foron abandonados decontado en beneficio dun tipo de letra derivada da antiga minúscula carolinxia e perfeccionada durante o primeiro cuarto do s XV: a littera antiqua, ligada á reprodución dos textos clásicos e humanísticos. Os primeiros que incorporaron a letra humanística na tipografía foron os impresores alemáns establecidos en Italia. Unha primeira etapa deste tipo quedou pechada con Nicholas Jenson (1420 -1481), despois da que os tipos humanísticos se impuxeron grazas ás edicións clásicas de Aldo Manuzio feitas cos tipos de Francesco Griffo, ambos os dous responsables da introdución dos primeiros tipos humanísticos cursivos, que se mantivo ata finais do s XVII, coa creación do roman du roi por Luís XIV, que representou a primeira gran revolución no deseño do tipo e significou a irrupción dos tipos “modernos”. En Inglaterra iniciouse unha tradición tipográfica propia cuxos mellores expoñentes son os Caslon, William I (1692-1766) e William II (1720-1778), e John Barkesville (1706-1775). Despois deste período, a expansión da imprenta debida á revolución industrial influíu negativamente sobre a calidade da tipografía, que foi transformada a finais do s XIX pola invención da composición mecánica (linotipo, 1884; monotipo, 1887) e o renacemento artesanal. Entre os tipógrafos que influíron na mellora da tipografía de composición mecánica destaca Stanley Arthur Morison (1889-1967). Na Península Ibérica, durante a época da casa de Austria a tipografía seguiu as directrices de Italia e de Francia. As artes gráficas acadaron un elevado nivel na segunda metade do s XVIII e os primeiros anos do s XIX. Destacaron, entre outros, Manuel Montfort i Ascensi, Antoni Brusi i Mirabent ou a casa alemá Baurische Giesserel, que foi a fundición máis importante de todo o estado español o s XX. A carón desta renovación industrial, houbo outra de mesteirais, que influíu en medios restrinxidos, dos que destacan Eudald Canivel i Masbernat e Vic22tor Oliva. A composición mecánica contribuíu á uniformidade tipográfica e fixo máis ostensible a diferenza entre os libros de uso corrente e as edicións restrinxidas.

  2. s f [GRÁF]
    1. Procedemento de impresión con formas que conteñen, en relevo, os tipos e os gravados que, despois de tintados, son aplicados a presión sobre o papel. As operacións da impresión topográfica son: a composición, manual ou mecánica, a tirada de probas, a corrección de probas, a corrección tipográfica, a obtención de clixés para fotogravado, a compaxinación, a imposición da forma, a tirada de segundas probas, a segunda corrección tipográfica, a regulación da tintada e a tirada.

    2. Taller onde se imprime por tipografía.

    3. Taller onde se fan traballos de imprenta.

Palabras veciñas

tiple | tipo -pa | tipo- | tipografía | tipográfico -ca | tipógrafo -fa | tipolitografía