Toja, La
Marca de cosmética que tivo a súa orixe na descuberta do manancial da illa da Toxa. As súas augas, ricas en sodio, calcio, ferro e magnesio, levaron á creación dun balneario (1899) e dunha fábrica que, constituída en 1903 por Xosé Riestra López, con sede na illa, se dedicou á elaboración de xabóns preparados a base de aceites vexetais, substancias balsámicas e sales minerais, que presentaban a novidade de producir abundante escuma. Rexistrada como Sales de La Toja SA (1907), entre 1920 e 1930 foi adquirida por Pedro Barrié de la Maza, quen realizou a primeira ampliación e iniciou a produción de perfumaría alcohólica e produtos para o afeitado. Na década de 1950 abriu unha planta de fabricación na Coruña e na de 1970 separou as actividades hoteleiras das industriais coa creación de La Toja Cosméticos. Pertenceu a Gillete (1986), ao grupo Nobel (1990), para seguir como La Toja Cosméticos-Laboratorios Orive (1992) e integrouse en 1993 en Henkel Ibérica, que desde 2000 se converteu no grupo Schwarzkopf & Henkel.