Toro

Toro

Municipio da provincia de Zamora, Castela e León, situado na beira dereita do Duero (9.282 h [2001]). É un centro agrícola e gandeiro. A cidade fundouna en tempos de Afonso III de Castela o seu fillo García, e foi repoboada por un importante número de mozárabes. Á morte de Fernando I (1065), Toro e a súa comarca pasou en herdanza á infanta Elvira, quen conservou a señoría ata a súa morte (1101). Afonso VII estableceu os límites do termo (1153) e Afonso IX deulle un forte pulo repoboador (1222) outorgando foros á cidade. Afonso XI dotouna dunha feira franca anual (1326) e Enrique IV concedeu o privilexio de celebrar feira por Coresma (1467). En 1520 adheriuse ao movemento das Comunidades de Castela contra Carlos I; pero despois do período medieval, de expansión, entrou nunha fase de decadencia. Do seu patrimonio cultural destacan os restos das murallas medievais, a colexiata de Santa María la Mayor (BIC, 1892), as igrexas mudéxares de San Lorenzo (BIC, 1929), El Salvador (BIC, 1929), Santa María de la Vega e San Pedro del Olmo, o convento do Espíritu Santo, os palacios dos Ulloa e de Santa Cruz de Aguirre e o Hospital de la Cruz.