Torres Fernández, Xohana
Escritora. Integrante da Xeración das Festas Minervais e incluída no movemento da Nova Narrativa, foi alumna de R. Carballo Calero en Ferrol, quen a iniciou no coñecemento da literatura galega e no gusto pola escrita. Tras a consecución do Premio de Poesía da Asociación da Prensa de Vigo con “Nuestra primavera, tojos” (1958) e a súa participación en diversos recitais poéticos, incluíu algunhas composicións en diversas publicacións periódicas, como Aturuxo, Vida Gallega e Vieiros. No eido teatral foi actriz do grupo vangardista Teatro-Estudio de Ferrol e escribiu os dramas A outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre o río (1968, Premio Castelao de Teatro). Creadora do primeiro programa radiofónico presentado integramente en galego desde a Guerra Civil española, Raíz e Tempo (1963), participou na gravación de discos sobre Castelao e Cunqueiro. Da súa obra lírica, en que reivindica o papel da muller e a súa loita por Galicia, e que se caracteriza polo intimismo, destacan Do sulco (1957), Estacións ao mar (1980, Premio de la Crítica Española 1981), dividido en catro partes, en que introduciu numerosas composicións dedicadas ao mar e con trazos intimistas e galeguistas; e Tempo de ría (1992), onde afonda no lirismo e na visión simbólica da paisaxe. Cultivou tamén a novela, cunha obra moi destacada, Adiós, María (1970, Premio Galicia do Centro Galego de Bos Aires), en que relata o enfrontamento dos mundos rural e urbano, coas características propias do Nouveau Roman, como o monólogo interior e a descrición dos personaxes desde o punto de vista da protagonista. No apartado da literatura infantil destaca Polo mar van as sardiñas (1967) e Pericles e a balea (1984), ademais da tradución do catalán de diversos libros, como Todos os nenos do mundo seremos amigos (1966). No eido do ensaio publicou San Andrés de Lonxe, mitos e ritos, co que conseguiu o Premio de Etnografía da Deputación da Coruña. Recibiu o Pedrón de Ouro (1972), pola súa contribución á cultura galega.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela