Toscana

Toscana

Rexión de Italia peninsular, que se estende desde a vertente occidental dos Apeninos ata as costas do mar de Liguria e o Tirreno (22.997 km2; 3.460.835 h [2001]). A súa capital é Florencia. Formada pola alternancia de relevos montañosos, outeiros, concas internas e pequenas chairas, pódese distinguir o sector dos Apeninos toscano-emilianos, o sector subapenino, con relevos máis suaves e moderados, e dúas concas interiores, das que a máis importante é a de Florencia, regada polo Arno, río principal de Toscana. A costa está formada por amplas praias. Na conca de Florencia e na chaira litoral do Arno están as principais cidades: Livorno, Pisa e Florencia. Os cultivos máis importantes son os de cereais (millo, trigo e cebada), vide, oliveiras, hortalizas, patacas e remolacha. Dentro da actividade industrial destaca a produción de mercurio, o sector da metalurxia e a industria téxtil, da pel, a alimentaria e de artes gráficas. Os primeiros poboadores coñecidos desta rexión foron os etruscos. Despois dun período de hexemonía en Italia (ss VII-V a C), as invasións dos galos e o crecemento de Roma determinaron a súa decadencia e a súa submisión a Roma desde mediados do s III a C. Tras a separación do Imperio de Occidente foi devastada polos pobos bárbaros e, conquistada polos ostrogodos, estabilizouse durante o reino de Teodorico I, pero á súa morte sufriu os estragos da guerra con Bizancio (535-553). Tras o dominio bizantino, foi devastada polos longobardos (570), que a converteron nun ducado, con capital en Luca. En 774 caeu baixo o poder de Carlomagno e posteriormente foi rexida por margraves. A partir do s XI comezaron a aparecer as primeiras autonomías cidadás en Florencia, Pisa, Siena, Lucca e Arezzo e, durante algúns séculos a historia de Toscana foi a destas; nos ss XI e XII predominou Pisa, mentres que no s XIII se iniciou a hexemonía de Florencia. Este século caracterizouse polas loitas entre xibelinos e güelfos (que se impuxeron en Florencia). No s XV os Medici consolidaron o prestixio de Florencia e o seu propio, que se manifestou coa creación do Gran Ducado de Toscana (1569) e a concesión do título de gran duque a Cosimo I de Toscana, de mans de Pío V. A dinastía extinguiuse en 1773 e foi sucedida polo marido da arquiduquesa María Teresa de Austria, que reinou co nome de Francisco Estevo I. O seu fillo e sucesor, Leopoldo II de Toscana, foi un bo administrador, mentres que o seu fillo, o gran duque Fernando III (morto en 1824), tivo que afrontar revoltas populares, a ocupación francesa (1799) e a creación do Reino de Etruria (1801-1807) por Napoleón I Bonaparte. Posteriormente, foi ocupada (1807) e anexionada (1808) ao Imperio Francés. En 1809 foi restablecido o Gran Ducado, a favor da irmá de Napoleón, Elisa Bonaparte, duquesa de Luca, pero en 1814 foron restituídos os Austrias polo Congreso de Viena. En 1860 un plebiscito sancionou a unión de Toscana ao Reino de Sardeña. Ao ano seguinte entrou de novo a formar parte do estado italiano.