Toxos e Xestas
Escola de gaitas creada en Barcelona en 1977. Constituíuse por iniciativa dunha serie de emigrantes galegos, entre eles, Xosé Lois Foxo, co obxectivo de fomentar a cultura galega nas súas diversas manifestacións. Desenvolven distintas actividades académicas, das que destacan as clases de gaita, baile tradicional, lingua galega, canto tradicional e percusión. Tamén organiza desde 1981 o Festival de Música Galega. Participou, coas súas diferentes seccións, en distintos programas de televisión e colaborou con artistas e grupos como Hevia, Carlos Núñez ou The Chieftains. A súa banda de gaitas gravou dous discos e concursou no 1° grao da Liga Nacional de Bandas de Gaitas, onde acadou o Primeiro Premio (1992) e o Terceiro Premio (1998). Recibiu o Segundo Premio no Festival Folk de Vigo (1987).