Toxos Outos, San Xusto de
Mosteiro situado en Toxos Outos (Lousame). Fundado en 1131 polos cabaleiros Froilán Alonso e Pedro Muñoz baixo a regra beneditina, instalouse nunha ermida que pertence ao mosteiro de San Paio de Antealtares. En 1504 anexionouse a Sobrado dos Monxes e converteuse nun dos mosteiros cistercienses máis destacados de Galicia ata que se abandonou no s XIX, despois da desamortización de Mendizábal. Consérvase a igrexa, que foi restaurada en 1949, e varias dependencias. Ten nave única de planta rectangular e cuberta a dúas augas. A sancristía está situada entre a capela maior e a lateral. A fachada, de cantaría, remata cunha torre de dous corpos, que alberga o campanario e que remata en cúpula. O claustro románico trasladouse ao pazo Pena de Ouro en 1920. O conxunto rodeouse cun muro de cantaría granítica.