Transilvania
Rexión do centro de Romanía formada por un altiplano rodeado polos Cárpatos Meridionais. Morfoloxicamente constitúe unha depresión de orixe tectónica formada durante o Secundario, cando se alzou a cordilleira carpática. Ten unha altitude media duns 500 m, e unha inclinación cara ao O e o N, onde descende ata os 200 m, mentres que polo S chega ata os 1.000 m. Está drenada polo Olt, o Mureş e o Someş. É unha das rexións máis poboadas, e xunto aos romaneses establecéronse nela húngaros e alemáns, sobre todo no SL. Cunha rica economía agrícola, con abundancia de bosques e recursos minerais, ten cultivos de vide, remolacha, xirasol e cereais. Tamén ten xacementos de gas natural, sal e ferro. Corazón do reino dacio, formou parte da provincia romana de Dacia. A principios do s XI, o Rei Estevo I de Hungría reuniu as terras de Transilvania nun condado gobernado por un voivoda, pero o seu relevo, accidentado, dificultou a integración política do país. Ademais, os húngaros instalaron alí colonos da súa raza e tamén se estableceron nela os saxóns. A invasión mongola de 1241 favoreceu o desenvolvemento da poboación campesiña autóctona romanesa. Despois de derrotar os turcos na Primeira Batalla de Móhacs (1526), Hungría desligouse da monarquía dos Habsburgo, pero Transilvania, gobernada por príncipes húngaros, converteuse nun principado autónomo vasalo do sultán (1541). Finalmente rematou recoñecendo a soberanía do Emperador Leopoldo I. En 1867 foi anexionada ao Reino de Hungría, pero pouco a pouco o nacionalismo romanés foi volvéndose máis activo, e colleu forza entre os intelectuais e as clases medias, que preconizaron a unión de Transilvania ao novo Reino de Romanía. En 1916 Romanía entrou na Primeira Guerra Mundial xunto aos aliados a cambio da anexión de Transilvania. A arbitraxe de Viena (1940) concedeulle a Hungría a parte setentrional da rexión, parte que recuperou Romanía ao rematar a Segunda Guerra Mundial.