Trastámara, condado de
Título concedido en 1325 a Álvar Núñez Osorio , señor de Cabrera e Ribera, camareiro e mordomo maior de Afonso XI de Castela, pero foille confiscado. Foi concedido de novo en data incerta polo mesmo monarca ao seu fillo bastardo Enrique de Trastámara (o futuro Rei Enrique II), pero o seu irmán, o Rei Pedro I, confiscoullo en 1366 para concederllo a Fernando de Castro y Ponce de León . Enrique II confiscoullo en 1369, aínda que, sen dereito, xa llo concedera en 1366 a Bertran Du Guesclin . En 1371 foi outorgado de novo por Enrique II ao seu sobriño Pedro Enríquez de Castro (?-1400), condestable de Castela e conde de Lemos e Sarria. Sucedeuno o seu fillo Fadrique Enríquez de Castela e de Castro , conde de Lemos e Sarria e duque de Arjona, a quen lle foi confiscado. En 1445 o Rei Xoán II concedeullo a Pedro Álvarez Osorio , conde e señor de Villalobos, separándoo así da casa de Lemos. O seu fillo e sucesor, o II conde de Trastámara, Álvar Pérez Osorio (?-1471) recibiu de Enrique IV o título de marqués de Astorga en 1465, e desde entón o título de conde de Trastámara foi empregado polos primoxénitos deste marquesado. Sucedeuno o seu fillo Pedro Álvarez Osorio (1463-1505) III conde de Trastámara e II marqués de Astorga. O IV conde de Trastámara, Álvaro Pérez Osorio . O seu fillo e sucesor, foi Pedro Álvarez Osorio (1503-1560), V conde de Trastámara, III marqués de Astorga e, por vía materna, IV conde de Santa Marta de Ortigueira. Desde entón os tres títulos permanceron unidos. Sucedérono os seus fillos Pedro e Antonio Pedro Álvarez Osorio (1559-1589) e, á morte deste sen sucesión, pasaron ao fillo do V conde, Alonso Pérez Osorio (?-1592), VIII conde de Trastámara. Os títulos pasaron á súa morte a Pedro Álvarez Osorio (neto do V conde), IX conde de Trastámara, sucedido polo seu fillo Álvaro Pérez Osorio (1600-1659), X conde de Trastámara, que llo cedeu ao seu sobriño, neto do IX conde, Antonio Sancho Dávila e Osorio (?-1689), XI conde de Trastámara. Á súa morte o título de conde de Trastámara pasou ao seu sobriño Melchor de Guzmán e Osorio (?-1710), XII conde de Trastámara, que volveu unir os títulos de Trastámara, Astorga e Santa Marta de Ortigueira. Sucedeuno en todos os seus títulos a súa filla Ana Nicolasa de Guzmán Dávila e Osorio , XIII condesa de Trastámara, que casou con Antonio Gaspar Osorio de Moscoso e Aragón (1689-1725), VIII conde de Altamira. Ventura Osorio de Moscoso , XIV conde de Trastámara, herdou os títulos de XIII marqués de Astorga, XIV conde de Santa Marta de Ortigueira e IX conde de Altamira. O título permaneceu nos seus descendentes. Desde 1974 ostenta o condado de Trastámara, Rafael Castellano Barón (Madrid 1946), conde de Santa Marta de Ortigueira.