triángulo

triángulo

(< lat triangŭlu)

  1. [MAT]
    1. s m

      Figura que se forma ao unir tres vértices non aliñados con tres segmentos de liña recta.

    2. triángulo esférico

      Triángulo curvilíneo que está formado por tres círculos máximos dunha esfera. O estudo e a resolución destes triángulos constitúe o obxectivo básico da trigonometría esférica.

  2. s m [MÚS]

    ferriños.

  3. [ANAT]
    1. s m

      Área ou espazo do corpo que está limitado por tres lados reais ou imaxinarios.

    2. triángulo de Calot

      Triángulo que ten por base a arteria cística e por vértice o ángulo formado pola unión dos condutos cístico e hepático.

    3. triángulo de Garland

      Zona sonora de forma triangular, co vértice dirixido cara a abaixo, que se produce xunto á columna vertebral ao baixar o nivel do líquido dun derramo pleural.

    4. triángulo de Hesselbach

      Triángulo que está limitado polo ligamento inguinal, a arteria epigástrica profunda e o bordo externo do recto abdominal.

    5. triángulo de Scarpa

      Espazo da coxa que está comprendido entre o ligamento inguinal e os músculos sartorio e adutor longo.

  4. triángulo amoroso

    Relación amorosa entre tres persoas.

  5. triángulo de posición [ASTRON/MAR]

    Triángulo esférico determinado sobre a esfera terrestre polos círculos máximos meridiano, horario e vertical dun astro e que ten por vértices o polo (P), o cénit (Z) e o astro (A).

  6. triángulo vocálico [LING]

    Representación gráfica do sistema vocálico de linguas, ideada por W. Hellwag en 1781, que permite ver a posición relativa dos seus diferentes puntos de articulación. Os vértices están ocupados, respectivamente, por unha vogal extrema velar u, a extrema palatal i e a media a.