Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

[TSXG] Órgano xurisdicional de máis alto grao dos existentes en Galicia, perante o que se esgotan, con algunhas excepcións, os preitos comezados no territorio da Comunidade Autónoma. O precedente remoto hai que atopalo na Audiencia do Reino de Galicia, institución xudicial e de goberno da Coroa de Castela, creada no s XVI e que perviviu ata o sistema xudicial xurdido da Constitución de Cádiz, malia que dalgún xeito perviviu na Audiencia Territorial que a sucedeu ata a creación do TSXG. Como tal o TSXG foi creado polo Estatuto de Autonomía de 1981, aínda que o atraso na aprobación da Lei Orgánica do Poder Xudicial impediu a súa constitución ata maio de 1989. Ten a súa sede na Coruña por mor da decisión adoptada en 1982 a través da Lei do Parlamento de Galicia que fixou en Santiago de Compostela a sede da Xunta e do Parlamento. O seu presidente é nomeado polo rei a proposta do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ). Estivo presidido por Xosé de Cora Rodríguez (1989-1990) e José Ramón Vázquez Sandes (1990-1999). Desde 1999 o cargo ocúpao Xesús Souto Prieto.
As salas e as súas compentencias
Conta con catro salas, en tres delas exércense funcións xudiciais stricto sensu (do Civil e Penal, do Social e do Contencioso-Administrativo) e a Sala de Goberno, que exerce certas funcións de goberno e representación do poder xudicial na Comunidade Autónoma, malia que as principais sexan exercidas polo CGPJ. A Sala do Civil e Penal, que preside o propio presidente do TSXG, canto tribunal civil, resolve, entre outras cuestións, os recursos de casación contra calquera sentenza declarativa movida por calquera xulgado ou tribunal de Galicia, sempre que o alicerce do recurso sexa a incorrecta aplicación do dereito civil de Galicia ou, conxuntamente, a incorrecta aplicación do devandito dereito e do dereito civil estatal. Este recurso de casación en materia de dereito civil de Galicia é moito menos restritivo e, xa que logo, máis aberto ca o que se pode interpor por exclusiva aplicación do dereito civil estatal ante o Tribunal Supremo. Pola súa banda, canto tribunal penal, o TSXG coñece dos procedementos contra do presidente, vicepresidentes ou conselleiros da Xunta de Galicia ou contra maxistrados e xuíces de calquera tribunal de Galicia que non sexa o propio TSXG e tamén contra dos recursos de apelación interpostos fronte a sentenzas ditadas por calquera dos tribunais do xurado da Comunidade Autónoma, entre outras funcións menos salientables. A Sala do Social resolve, nomeadamente, recursos contra das sentenzas movidas nos asuntos máis importantes (despedimentos, conflitos colectivos, incapacidades para o traballo e outros) polos xulgados do social de Galicia e as que no futuro decidan no eido laboral os xulgados do mercantil do ámbito territorial galego. A Sala do Contencioso-Administrativo decide os recursos contra das sentenzas dos xulgados do contencioso-administrativo e tamén, en única instancia, os recursos contencioso-administrativos contra todos os demais actos de calquera das administracións públicas -locais, estatal ou autonómica- ditados no territorio galego, sempre que non sexan da competencia dos devanditos xulgados do contencioso-administrativo. A Sala de Goberno está presidida polo propio presidente do TSXG e está composta polos presidentes das outras salas, polos catro presidentes das audiencias provinciais e por sete maxistrados e xuíces elixidos democraticamente entre os seus pares en Galicia. Ten funcións de goberno e disciplinarias, e constitúe en realidade un órgano desconcentrado do CGPJ para estes fins. Os seus principais actos gobernativos e disciplinarios son recorribles perante o CGPJ.
O papel do TSXG
Pódese dicir só de xeito relativo que o TSXG constitúe o peche do sistema de xustiza en Galicia, xa que algunhas sentenzas ditadas por determinados órganos xudiciais de Galicia poden ser obxecto de recurso de casación perante o Tribunal Supremo. E, por suposto, calquera sentenza definitiva pode ser obxecto de recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional (e ulteriormente ante o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos) caso de que algún dos dereitos fundamentais do recorrente teña sido infrinxido. Daquela, unicamente no eido da aplicación do dereito de Galicia (ben civil, ben administrativo) remata propiamente o TSXG o sistema de recursos na Galicia, mesmo na aplicación do dereito. O TSXG constitúe un órgano xudicial moi cualificado da administración da xustiza española e que responde á realidade dun estado plural en que se integra Galicia con capacidade de creación lexislativa, pero non se pode falar de seu dun poder xudicial galego parello ao poder executivo encarnado na Xunta de Galicia ou ao poder lexislativo do Parlamento galego. O poder xudicial na Constitución española é único e o TSXG, malia que recoñecido polo Estatuto de Autonomía de Galicia, non constitúe parte do poder galego, que soamente abrangue ás funcións lexislativa e executiva e non a xudicial. De feito, a participación do Parlamento de Galicia na elección dos seus maxistrados limítase á proposta de dous dos catro maxistrados da súa Sala Civil e Penal. Nos outros nomeamentos, desta e doutras salas, o CGPJ prové de acordo coas norma xerais.