Troia, Guerra de
Expedición bélica dirixida polos aqueos ou micénicos contra a rexión de Tróade, na costa de Asia Menor, que rematou co episodio do cabalo de Troia e coa destrución da cidade. Arredor desta empresa floreceu un inmenso ciclo de lendas e numerosos poemas, coñecido como ciclo troiano. A causa da guerra foi a vontade de Zeus que quería alixeirar a terra da súa excesiva poboación. De aí o xuízo de Paris, provocado polo mesmo deus, o rapto de Helena e, como consecuencia, a reacción fulminante dos príncipes gregos, a saída de Aulis (co episodio do sacrificio de Ifixenia) dun poderoso exército destinado a vingar a aldraxe do príncipe troiano e o inicio da guerra. Estes acontecementos aparecen na Ilíada e na Odisea, homéricas, na Ilioupérsis ou Toma de Troia e na Pequena Ilíada. Tamén na literatura latina se viu o recordo desta conflagración, que posiblemente foi realizada xa en plena crise e decadencia do mundo micénico. Neste punto os cálculos cronolóxicos non son unitarios senón que diverxen notablemente (desde a data de 1193 a 1184 a C, que dá Eratóstenes, ata a de 1209-1208 a C, de acordo co mármore de Paros, e a de 1250 a C, calculada por Heródoto e aceptada actualmente por Blegen e outros investigadores). O tema da guerra e a caída da cidade troiana foi tratado amplamente en diversas literaturas. Ao redor de 1160 o poeta Benoit de Sainte-Maure escribiu o Roman de Troie, un poema inspirado en obras apócrifas coñecidas a través de resumos latinos atribuídos a unhas supostas testemuñas da caída de Ílion: Dares o Frixio e Ditis de Creta. O relato de Sainte-Maure inspiroulle a Guido delle Colonne a súa Historia de destrutione Troiae. Sucesivamente apareceron outros compendios, reelaboracións e traducións.