trompa

trompa

(< orixe onomatopeica)

  1. [MÚS]
    1. s f

      Instrumento musical aerófono de embocadura de embude e de metal, que consiste nun tubo longo e estreito, xeralmente enroscado circularmente, e que se vai ensanchando gradualmente desde a embocadura ata o pavillón. Ao inicio do s XIX Stölzel incorporoulle á trompa de caza un mecanismo de pistóns que lle permitiron emitir dunha maneira xusta todos os graos da escala cromática; a partir de 1865 a trompa de pistóns en fa ou en si bemol entrou a formar parte da orquestra.

    2. s

      Persoa que toca este instrumento.

  2. s f [QUÍM]

    Aparato que serve para practicar o baleiro nun sistema cerrado por medio dun fluído, xeralmente auga ou mercurio.

  3. s f [ZOOL]
    1. Órgano que pola súa forma tubular ou pola súa cavidade cónica ten parecido coa trompa.

    2. Prolongación muscular tubular, longa e flexible do nariz dalgúns animais, como o elefante, que lle serve como arma e como órgano prénsil.

    3. Aparato chupador contráctil que teñen moitos insectos.

  4. s f [ARQUIT]

    Pequena bóveda semicónica, co vértice no ángulo de dous muros e proxectada cara a fóra que se emprega para superpoñer dúas estruturas de diferente trazado xeométrico, como o paso dunha base cadrada a unha cúpula octogonal ou semicircular.