Troyes
Capital do departamento de Aube, en Champagne-Ardenas, Francia, situada no val do Sena (60.958 h [1999]). É un centro industrial coñecido desde o s XVI polos xéneros de punto. Preto da cidade, nos Campos Cataláunicos, foi onde Atila (451) foi vencido. Baixo os condes de Champagne, a cidade gozou dunha gran prosperidade, en que se celebraron algunhas das feiras de Champagne (ss XII-XIV), pero a partir da Guerra dos Cen Anos e a posterior revogación do Edito de Nantes por Luís XIV de Francia (1685) comezou o seu empobrecemento. Recuperouse no s XIX, grazas ao establecemento de numerosos alsacianos (1871-1872) e á expansión das fábricas de xéneros de punto. Dos seus numerosos edificios relixiosos destacan a catedral de Sant-Pierre et Saint-Paul, gótica (s XIV), e a igrexa de Saint-Urbin (s XIII), tamén gótica, con magníficas vidreiras.