Tunisia, Campaña de
Conxunto de operacións bélicas efectuadas en territorio tunisiano entre febreiro e maio de 1943 por parte das forzas angloestadounidenses, por unha banda, e as xermano-italianas, pola outra. Na Conferencia de Casablanca os aliados acordaron completar a reconquista total de Magreb antes de iniciar a ocupación de Italia. Mentres os estadounidenses trataban de separar as forzas alemás do xeneral Jürgen von Arnim (ao N) das do xeneral Erwin J. Rommel (no S), este contraatacou, ocupou a cidade de Gafsa e marchou sobre Tebesa, para onde se repregaran os estadounidenses. A falta de combustible e as ordes de Berlín frustraron a contraofensiva de Rommel. Os angloestadounidenses iniciaron a ofensiva final o 19 de abril e o 7 de maio ocuparon Tunes e Bizerte.