turco -ca
(< topónimo Turquía)
-
-
adx
Relativo ou pertencente a Turquía, aos seus habitantes ou a súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Turquía.
-
adx
-
[ETN]
-
adx
Relativo ou pertencente aos turcos.
-
s
Individuo do pobo turco.
-
s
m pl
Grupo de pobos asiáticos que falan algunhas das linguas turcas. Parece que o núcleo orixinario, procedente do Altai, se desprazou cara a occidente e formou un conglomerado de tribos, a miúdo enfrontadas entre elas mesmas. Os principais grupos tribais constituídos no conxunto turco foron os uzbekos, os kazakhos, os turcománs e oghuz, os kirguizos, os uigures, os baxhires, os tártaros, os karakalpak, os iacutos, os chuvaxos e os balkares. Os pobos turcos tiveron os primeiros contactos co Islam no s VIII aínda que inicialmente estiveron moi relacionados co Imperio Chinés ou incluso dependían del. Cara ao s VIII xa había grandes sectores da poboación turca que o adoptaran e que formaban os núcleos de futuros estados musulmáns, como o imperio de Maḥmūd de Ghaznī, o dos qarakhánidas ou o dos selxúcidas. Ao comezo do XIII, produciuse a entronización do poder mongol nos seus territorios, obra de Xenguis Khan. Nos últimos momentos do Imperio Mongol, o poder real foi pasando a mans dos gobernadores turcos, algúns dos cales conseguiron parcelas importantes de poder, como Tamerlán. Ao mesmo tempo que se iniciaba a creación do futuro Imperio Otomán, na fronteira bizantina de Anatolia as hordas tártaras alzábanse contra as terras do Volga e dos Urais, ata que Moscovia foi destruíndo pouco a pouco os khanatos. Estes musulmáns de fala turca quedaron incluídos entre os eslavos dentro do Imperio Ruso, onde formaron pequenos enclaves que co tempo constituíron a República dos Tártaros. De todos os conglomerados de tribos turcas, a que conseguiu máis fortuna política foi a osmanlí. Coa consolidación do Imperio Otomán, estes dominaron a maior parte do mundo do Islam: conquista da Europa balcánica (ss XIV-XVI), de Siria, de Mesopotamia e de Exipto e de todo o norte de África. A mesma expansión do imperio ocasionou a súa desmembración e, en 1920, quedou reducido ao territorio de Anatolia (Turquía). Actualmente os pobos turcos constitúen a maioría da poboación de Turquía e tamén predominan en Kazakhstán, Turkmenistán, Uzbekistán, Taxikistán, Kirguizistán, o N de Afganistán, Irán (Acerbaixán e Khorasán), China (principalmente en Xinjiang Uygur), Rusia e en reducidos núcleos de Iraq e de Europa Oriental.
-
adx
-
[LING]
-
s
m
Lingua turca suroccidental do phylum altaico que se fala en gran parte de Turquía e por minorías importantes en Chipre (onde é lingua oficial), nos Balcáns (especialmente Grecia e Bulgaria), en Siria e en Iraq. No pasado distinguíanse dous niveis de lingua en Turquía: a da corte, a administración e os reducidos núcleos de intelectuais, chamada fasih türkçe ou turco puro, incomprensible para a gran maioría da poboación, e o chamado kaba türkçe, turco vulgar, menos influído polo árabe e polo persa. Despois da revolución de 1923, Atatürk lanzou a consigna de que para ser turco cumpría turquizar a lingua e emprendeu a gran reforma lingüística de 1932. O turco coloquial (variante de Istambul) pasou a ser tamén a lingua da administración e da alta cultura. O alfabeto árabe foi substituído polo alfabeto latino. Na fonética do turco, a metafonía ten un papel moi importante. Non hai artigo nin marca de xénero. A morfoloxía é moi regular. O substantivo coñece seis casos: nominativo, acusativo, xenitivo, dativo, locativo e ablativo. A aglutinación moi produtiva no verbo, con toda unha serie de sufixos e infixos (yor perfectivo, er imperfectivo, meli obrigativo, dir causativo, mis de distancia) que en parte se combinan entre eles, por exemplo: yika-n-a-m-yor-mus ‘teño entendido que non se vai poder lavar’ (raíz + reflexivo + potencial + negación + perfectivo + pretérito/distancia + morfema → de terceira persoa). En sintaxe son numerosas as construcións con participio ou con substantivos verbais: babam gelmeni istiyor ‘meu pai quere que veña’ (literalmente ‘o meu vir’).
-
linguas turcas
Grupo de linguas do phylum altaico que se falan nunha extensa zona de Asia, que vai desde Turquía ata Siberia pasando polas estepas de Asia central (Irán, Afganistán, Rusia e China). As linguas turcas antigas xunto co uigur antigo corresponden ás inscricións rúnicas de Orkhon (s VIII) e de Ienisei (ss VII e VIII). As denominadas linguas turcas medias agrupan o conxunto de linguas faladas polos qarakhánidas, os cumanos, os kipchak e o pobo de Corasmia, xunto co chagatai literario. As linguas turcas modernas divídense en dous grandes grupos: o chamado s (linguas en que o son [j] das linguas turcas antigas se representa por s) e o chamado j (linguas que conservan o fonema [j] antigo). Dentro do grupo s está o búlgaro do Volga (falado antigamente polos búlgaros, antes da súa eslavización no s VII e actualmente extinguido); o chuvaxo, falado na República dos Chuvaxos e nas rexións de Kazan’ e Saratov (Rusia), que dispón dunha notable literatura desde o s XVII (actualmente escríbese en alfabeto cirílico); e o iacuto, falado na República de Iacutia. O grupo j constitúe a gran maioría das linguas turcas e adoita dividirse en numerosos subgrupos (que obedecen máis a criterios xeográficos que a estruturais) dos que destacan o tátaro siberiano, que comprende o tátaro de Kazan’, falado na República de Tatarstán, e o baxkir, que se fala en Baxkiria; o subgrupo de Asia central, que comprende o uzbeko, que se fala en Uzbekistán e en Afganistán, o kazakho, que se fala na República Autónoma de Karakalpaquistán (Uzbekistán), o kirguizo, falado en Kirguizistán, o uigur, que se fala en Xinjiang Uygur, o tuva, falado na República de Tuva, o tátaro de Abakan, o karachai, o balkar e o gagauz; o subgrupo occidental, que comprende o turcomán, que se fala en Turkmenistán e en Afganistán, o azarí, falado en Irán e Acerbaixán, o nogai, que se fala no Cáucaso, e o kumiko, que se fala en Daguestán. Dentro do grupo occidental distínguese, aínda, o subgrupo do Mar Negro, que comprende o turco (ou osmanlí), o tátaro de Crimea e o tátaro de Dobruxa. Son linguas aglutinantes. En canto ao alfabeto, despois de utilizar un propio, coa islamización dos pobos turcos, empregouse o árabe ata finais do s XX. Desde 1928, a República de Turquía adoptou para o turco o alfabeto latino coa adición dalgunhas letras propias (ç, ş, ǧ, ι, ö, etc), mentres que os países que formaran parte da antiga URSS, empregaron o cirílico; o alfabeto árabe de Xinjiang Uygur (China) foi substituído polo latino en 1965.
-
s
m
-
arte turca
[ARTE]
Arte cultivada polos diversos pobos turcos. As mostras máis antigas, anteriores á era cristiá, son a ourivaría e as ornamentacións de ouro, e a arte téxtil. Da arquitectura, en ladrillo, quedan soamente uns poucos exemplos nos territorios dos antigos emiratos selxúcidas de Armenia e a Asia Menor. Destaca o minarete da mesquita de Iconi, as madrasas, algunhas residencias dos soberanos e diversos caravansares. A arte turca acadou o seu desenvolvemento máximo na época do Imperio Otomán con mesquitas con grandes cúpulas, de influencia bizantina, minaretes esveltos que contrastan co gran número de pequenas cúpulas subsidiarias, e, desde a toma de Constantinopla (1492), a constante imitación de Santa Sofía. No s XVI dominaron as construcións do arquitecto Sinān, autor das mesquistas do Príncipe (1548) ou de Selimiyye (1574), e inventor dun sistema propio para a construción de cúpulas. Desde o s XVII variou pouco o estilo arquitectónico otomán, aínda que aumenta a ornamentación. Destacan tamén os numerosos palacios (sarai) e o gran desenvolvemento das obras hidráulicas.
-
literatura turca
[LIT]
Literatura cultivada en turco ou en calquera das linguas turcas. A literatura turca propiamente dita iniciouse no s XIV, cunha forte influencia das producións veciñas árabe e persa. O s XVI, co apoxeo do poder otomán, constituíu o momento culminante da poesía turca por antonomasia, con autores notables, como Baki, Fuẓulī, Revāni e Zati. O s XVII significou a consolidación e a expansión do osmanlí como lingua de cultura en todo o Imperio Otomán. O século seguinte, que pecha o período clásico, foi dominado por dúas grandes figuras: Nedim e Ḏeyh Galib. Na segunda metade do s XIX produciuse un renacemento de tendencia europeizante, paralelo ao período das grandes reformas legais e sociais (tauzimat, 1839-1880) do país. Os vangardistas introduciron na literatura otomá a novela, a crítica literaria, o teatro e o ensaio, xéneros en gran parte descoñecidos no mundo musulmán ata ese momento. De todas as maneiras, na lingua mantíñase a diglosia tradicional: a literatura culta continuaba a expresarse nun tipo de lingua moi influída polo árabe e o persa, incomprensible para a maior parte da poboación, que dispoñía dunha literatura propia de transmisión basicamente oral. Entre os intelectuais da época había unha vontade de superar tal separación. O movemento que resultou decantouse, coa divisa halka doǧru (‘de cara ao pobo’), por unha literatura de contido social e de expresión máis popular e doada de entender. Foi moi importante neste sentido a obra de Ziya Gökalp, a actividade revolucionaria de 1908, a obra de Nazim Hikmet ou o círculo de poetas Garipler (‘Os extravagantes’), agrupados ao redor de Ornha Veli Kanik. Na novela, o realismo turco iniciado en 1950 tivo as súas mellores manifestacións na literatura rural, onde se denunciaron as pésimas condicións de vida do campesiñado turco; nesta tendencia destacou Mahmut Makal con Bizim köy (‘O noso pobo’, 1950). Cómpre salientar a obra de A. Nesin, gran humorista e crítico da sociedade turca. A finais do s XX sobresaíu a obra de diversos autores, como Emine Sevgi Özdamar, Alev Lytle Croutier, Özlem Kumrular e Zülfu Livaneli.
-
música turca
[MÚS]
Arte musical cultivada polos diversos pobos turcos. Descoñécense datos correspondentes á primitiva música turca anterior á conquista musulmá. Algúns teóricos como Fārābī e Avicena (ss IX-X) estudaron a música grega e bizantina e adaptárona aos usos do Islam. A partir do s XIII xeneralizouse o uso da oitava (dividida primeiro en 17 graos e despois en 24). Houbo un florecemento e unha clasificación dos modos musicais (preto dun cento) e dos principais ritmos. Codificouse e estruturouse o concerto clásico (fasl). O s XVIII constituíu un novo século de ouro e a música de H. Z. Ismaïl, máis coñecido por Dede Efendi, está considerada como a mellor de todas as épocas. Por outra banda, na Europa do s XVIII identificouse a música turca coa música das famosas bandas militares dos xanízaros. Despois dun período de decadencia, algúns autores modernos como I. Zubdu (morto en 1924), A. A. Saygun (1907), C. Resit (1904) e U. C. Erkin (1906-1972), volveron aos temas e ritmos tradicionais. Destaca tamén a obra de recompilación e gravación de música tradicional que se ten feito en Anatolia e entre a poboación turca da antiga URSS (tártaros, uzbekos, turcománs, etc). A finais do s XX destacaron na música clásica e étnica Sezen Aksu, a gran diva da música turca; Kudsi Erguner, Burhan Öçal, Erkan Ogur, Omar Faruk Tekbilek e o grupo Galata Mevlevileri-Derviches. No ámbito do pop e dos sons electrónicos sobresaen Mercan Dede, Orient Expression e Babazula & Mad Professor.