Turín
Capital de Piemonte, Italia, e da provincia homónima (857.433 h [2001]). Está situada na confluencia do Po e do seu afluente, o Dora Riparia, nunha chaira ao pé dunha zona de outeiros morénicos. A comezos do s XX comezou o desenvolvemento industrial, ligado á industria metalúrxica, principalmente á rama automobilística e orixinou unha industria subsidiaria e auxiliar. Antiga Augusta Taurinorum romana, foi ocupada polos longobardos (s VII) e foi sede dun inmenso ducado. A casa de Savoia ocupou a cidade en 1280. Capital do ducado de Savoia (1563), foi ocupada (1798 e 1800) polos franceses. Restituída a casa Savoia durante a Restauración, tivo unha grande importancia entre 1848 e 1865, aínda que coa unificación de Italia deixou de ser sede da corte. É unha cidade renacentista e barroca. Destaca a catedral (s XV) e as construcións de F. Juvara. En 1863 A. Antonelli iniciou a Mole Antonelliana, que domina o panorama da cidade. Entre os ss X e XV destacou a capela de música da catedral.