Ugarit
Antiga cidade de Siria, situada a uns 11 km de Latakia, ao N, actual Ras Šamra. A súa excelente posición xeográfica permitíalle controlar unha parte das rutas terrestres entre Anatolia e Siria e as que conducían a Mesopotamia, e as marítimas con Exipto, Chipre e Anatolia. Florecente desde o s XVIII a C, o primeiro rei documentado foi Ammištamru I (1385? a C), vasalo do faraón Amenhotep III. O seu fillo Niqmaddu II (?-1345 a C) incorporou Ugarit ao bando hitita. O seu fillo Ar- ḫ alba (1345?-1336 a C) participou nunha coalición antihitita e, derrotada esta, Urgarit perdeu unha terceira parte do territorio. Foi sucedido polo seu irmán Niqmepa’ (1336?-1265? a C), que foi fiel aos hititas. Durante o reinado de Ibiranu (1235?-1205? a C) parece que as relacións cos hititas se arrefriaron. Baixo Ammurapi (1200? a C) Ugarit deixou de existir, probablemente a consecuencia dos ataques dos pobos do mar ou por causas naturais, como un terremoto.