ugarítico -ca
(< topónimo Ugarit)
-
adx
Relativo ou pertencente á antiga Ugarit, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Ugarit.
-
s
m
[LING/LIT]
Antiga lingua semítica noroccidental do phylum afroasiático que se falaba en Ugarit. As características principais son a existencia dunha forma dobre do pronome independente de primeira persoa, como en hebreo e en fenicio (ank an), o uso dun pronome dual de primeira e terceira persoa no caso dos pronomes posesivos e da primeira persoa no dos acusativos, a ampla utilización do dual nos substantivos (de todas as linguas semíticas o ugarítico é o que máis emprega este número), e a existencia de nove conxugacións, a máis característica delas é a causativa con pre-formativa š. O desciframento da escritura ugarítica permitiu interpretar unha serie de escritos administrativos, epistolográficos, relixiosos, hipolóxicos, misceláneos e, sobre todo, literarios, como O ciclo de Baal e Anat, O nacemento dos deuses e O matrimonio da Lúa e de Nikkal, que botan luz sobre o AntigoTestamento.
-
escritura ugarítica
[ESCR]
Escritura propia da lingua ugarítica. Hai que cualificala de cuneiforme, en tanto que emprega o gravado sobre a arxila como método gráfico. É alfabética, e componse de trinta signos, entre os que hai tres alef, que reproducen os sons vocálicos a, i e u. A pesar diso, o ugarítico non anota as vogais, pero, a diferenza de moitas das escrituras semíticas, escríbese case sempre de esquerda a dereita. Foi descifrado por H. Bauer, E. Dhorme e Ch. Virolledaud.