Ulan Bator ou Ulaanbaatar

Ulan Bator ou Ulaanbaatar

Capital de Mongolia e ajmag independente (4.700 km2; 773.700 h [2000]). Situada ao N do país, xunto ao río Tuul, preto dun importante xacemento de lignito, medrou rapidamente grazas á modernización e á industrialización. É o único centro industrial do país organizado segundo o sistema soviético de combinados industriais. Primitivo centro de migración estacional, en 1639 converteuse en capital relixiosa grazas á construción do mosteiro Da Khure, residencia do bodgo-gegen (gran sacerdote do budismo tibetano). Os rusos chamárona Urga. Coa independencia de Mongolia exterior (1911), converteuse en capital, co nome de Niislel Khureheh, e despois da ocupación das tropas revolucionarias e soviéticas (1921) foi capital da nova república (1924) co nome actual.