Ulla

Ulla

Río da vertente atlántica que a través de 132 km de lonxitude en que drena unha conca de 2.804 km2, percorre as comarcas da Ulloa, Deza, Terra de Melide, Arzúa, Santiago, Tabeirós-Terra de Montes, O Sar e Caldas. Nace na parroquia de Ansar, no concello de Taboada, e cunha dirección N-SO chega ata o límite entre Coence (Palas de Rei), Pedraza (Monterroso) e Vilapoupre (Antas de Ulla). Alí conflúe con varios ríos que baixan da serra de Ligonde, polo N, dos montes de Vacaloura, polo L, e da serra do Farelo, polo S, e o seu curso vira en dirección L-O. Con esta nova orientación delimita sucesivamente os concellos de Palas de Rei, Santiso, Arzúa, Touro, Boqueixón, Vedra, Teo, Padrón e Dodro, na súa beira setentrional, cos de Antas de Ulla, Agolada, Vila de Cuces, Silleda, A Estrada, Pontecesures e Valga, na beira meridional. Desemboca na ría de Arousa, entre as parroquias de Isorna (Rianxo) e Oeste (Catoira). O maior encoro que hai no seu curso é o de Portodemouros. A súa rede fluvial conta con destacados tributarios: en Ramil, entre Palas de Rei e Agolada, recibe o Pambre, que drena a vertente oriental da serra do Careón; no encoro de Portodemouros verte o Arnego, que drena o val de Camba; conflúe co Deza entre Gres (Vila de Cruces) e Cira (Silleda); e, xa na súa sesembocadura, entre Iria Flavia (Padrón) e Dodro, recibe o Sar. O caudal medio que achega na desembocadura é de 79,3 m3.