Ulloa, comarca da

Ulloa, comarca da

Comarca situada no centro da Comunidade Autónoma de Galicia, no O da provincia de Lugo. Limita ao N coa comarca de Lugo (Friol), ao S coas comarcas de Deza (Rodeiro) e Chantada (Taboada), ao L, novamente coa comarca de Lugo (Guntín e Portomarín) e ao O coa comarca da Terra de Melide (Toques, Melide e Santiso) e a de Deza (Agolada). Abrangue unha superficie de 417,9 km2, cunha poboación de 11.143 h [2001], distribuída nos concellos de Antas de Ulla (103,6 km2, 2.695 h [2001]), Monterroso (114,6 km2, 4.235 h [2001]) e Palas de Rei (199,7 km2, 4.213 h [2001]). A comarca presenta unha estrutura bipolar arredor de Palas de Rei e Monterroso, que organizan o territorio. Existen tamén relacións con Chantada e con Lugo para actividades relacionadas cos servizos administrativos máis especializados.
Xeografía física
A comarca da Ulloa é un espazo onde ten a cabeceira un dos principais ríos galegos, o Ulla. É unha área deprimida desde o punto de vista topográfico, fronte ás periferias montañosas que a rodean. Pódese definir este espazo como unha área de suaves ondulacións, motivadas pola superposición dos restos dunha antiga superficie de erosión que se encontra fracturada a distintos niveis e atravesada pola rede fluvial. Unha pequena descontinuidade topográfica na Dorsal Occidental Galega, situada ao O do conxunto, permítelle ao Ulla facerse paso cara ás provincias da Coruña e Pontevedra. Esta área deprimida correspóndese coa conca do Ulla, a excepción dun pequeno espazo, situado ao NL do concello de Palas de Rei, que verte directamente no Miño. Trátase, por tanto, dunha conca situada arredor dos 500 m e rodeada de elevacións entre os 700 e 900 m de altitude. O predominio de materiais graníticos, de rochas moi duras, fracturadas e suavemente incididas pola rede fluvial, así como o achegamento de materiais aluviais cuaternarios, explican a planitude da depresión da Ulloa. Nos bordos do conxunto érguense as elevacións correspondentes ás serras do Careón (NO), monte de San Simón (NL), montes da Vacaloura (SL) e a serra do Farelo (SO), que exercen un contacto coa depresión a través de contrafortes moi suaves, con pendentes moi pouco pronunciadas. A suavidade topográfica caracteriza a estas áreas montañosas, con cumios moi redondeados. O clima da Ulloa presenta características de continentalidade, dada a súa elevada altitude media e o seu relativo illamento respecto ao océano. Así, os valores térmicos anuais non superan os 12°C de media, con invernos bastante rigorosos, arredor dos 5°C, e veráns máis cálidos (18-19°C). As xeadas son frecuentes nos meses invernais, con fenómenos de inversión térmica nas áreas máis baixas. As precipitacións sitúanse arredor dos 1.000-1.100 mm, concentrándose fundamentalmente no inverno e na primavera, sendo xa o verán unha etapa de maior seca, aínda que non acade valores de relativa aridez. Nas áreas de serra, os valores térmicos extrémanse (10-11°C de media, en inverno arredor dos 4°C e en verán uns 18°C) e as precipitacións son máis elevadas (1.400-1.500 mm). A neve non é descoñecida nestes espazos.
Xeografía humana
A Ulloa é unha comarca que mantivo un comportamento demográfico regresivo a partir dos anos centrais do s XX. En 1900, A Ulloa contaba con 20.733 h, case o dobre que a poboación de 2001. Este continxente foi medrando de forma paulatina ata acadar o máximo demográfico en 1940 (21.279 h, 1910; 22.285 h, 1920; 22.192 h, 1930 e 24.164 h, 1940). O forte crecemento vexetativo contrastaba coa tamén intensa emigración cara a América, pero non impedía que a poboación fose cada vez maior. A partir da Guerra Civil Española e da década de 1940 o éxodo rural cara ás cidades e as áreas industriais tanto de Galicia como do resto do estado e dos países europeos, deixaron unha boa pegada na comarca, que perdeu máis da metade dos seus efectivos (21.241 h, 1950; 18.404 h, 1960; 16.006 h, 1970; 15.161 h, 1981; 11.990 h, 1996 e 11.143 h, 2001). A poboación da Ulloa continuaba descendendo como consecuencia dun elevado índice de avellentamento (9,1% de menores de 15 anos fronte ao 36% de maiores de 65, en 2004), que levou consigo unhas moi baixas taxas de natalidade (5,2‰) e unha mortalidade que acadaba niveis elevados (17,4‰), polo que o crecemento vexetativo foi de signo negativo (-12,2‰, en 2003). A poboación é maioritariamente rural, agrupada en pequenas aldeas de escasa entidade, con poucas casas e poucos habitantes (menos de 100 en calquera caso). Destacan tres concentracións demográficas polo seu tamaño; Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla, as tres cabeceiras municipais. A primeira delas, Monterroso, é a de maior entidade e maior número de habitantes, e tamén a que concentra a maior cantidade de servizos e equipamentos da comarca, polo que se pode considerar a capital comarcal, aínda que entra en rivalidade directa con Palas de Rei.
Xeografía económica
O sistema económico da comarca da Ulloa xira esencialmente arredor do sector primario e todas as actividades relacionadas con el. A industria e o terciario comparten protagonismo, pero xa dunha forma máis marxinal. O sector primario dá emprego ao 33,8% da poboación activa, cun predominio das actividades relacionadas coa explotación do vacún de aptitude láctea e, en menor medida, do de aptitude cárnica. Os principais cultivos dos pastizais están orientados cara ao subsector gandeiro, co predominio de especies forraxeiras e pastos, tanto naturais como artificiais. É importante tamén o cultivo de patacas, así como doutros produtos máis innovadores, tanto para a comarca como para Galicia, como son as framboesas ou os cogomelos. As explotacións gandeiras son explotacións modernizadas e mecanizadas, cun alto grao de competitividade e cun elevado número de reses por explotación. A maior parte delas dedícase á produción láctea, de aí que o queixo deste espazo estea incluído dentro da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa. O resto de gando repártese entre o porcino e o avícola, destacando Palas de Rei en ambos os dous casos, pois conta con varias granxas de porcos e aves. As actividades silvícolas, a pesar de ser un subsector menos importante, están presentes en todos os concellos da comarca. No sector secundario o 14,1% dos activos empréganse na industria e o 11,3% na construción. Os principais subsectores son a carpintaría de madeira e os acabados metálicos. O sector terciario (40,8% dos activos) medrou de forma bastante considerable nos últimos anos en detrimento do primario e aproveitando a debilidade do secundario. Localízase fundamentalmente nas cabeceiras municipais. O 41% do emprego no terciario correspóndese cos servizos públicos, dentro dos que destacan os servizos administrativos e penais, pois nas proximidades de Monterroso está situado o Centro Penitenciario de Vacaloura. Así mesmo, todas as cabeceiras teñen servizos sociais, sanitarios e educativos. No eido comercial destaca a capital monterrosina, que aglutina as principais empresas minoristas, así como algúns maioristas que comercializan produtos agrarios. Finalmente, a hostalaría desenvolveuse nos últimos anos como consecuencia do paso do Camiño de Santiago polos concellos de Palas de Rei e Monterroso, con novos establecementos, hospedaxes e albergues. Os transportes e as comunicacións tamén lograron incrementar a súa participación no sector terciario. A Ulloa está situada no centro de Galicia e ten unha función de nó de comunicacións entre A Coruña e Ourense, e entre Lugo, Santiago de Compostela e a zona das Rías Baixas. O conxunto comarcal está atravesado por tres importantes estradas nacionais (N-547, O Pino-Guntín; N-640, Vilagarcía de Arousa-Monterroso; e N-540 Coles- Lugo).
Historia
Habitada por numerosos pobos durante o Paleolítico e a Idade do Bronce, moitos deles deixaron as súas pegadas a través de monumentos funerarios como dolmens, mámoas e túmulos. En Monterroso atopáronse varios menhires e petróglifos, pero a cultura castrexa foi a que deixou maior pegada na comarca. Durante a época romana, A Ulloa foi un cruzamento de camiños, dos que destacaron a vía de Lucus Augusti a Iria Flavia ou a Via XIX do Itinerario de Antonino, desde Lucus Augusti a Bracara Augusta. No s VI esta zona constituíu o condado de Ulliensis, tomando o nome do río Ulla e, a partir de 813, co descubrimento do sepulcro do Apóstolo Santiago, comezaron as peregrinacións a Santiago de Compostela a través deste espazo. Ligonde (Monterroso) foi un dos primeiros núcleos de poboación dentro das terras da Ulloa que comezou a desenvolverse como punto de parada nas peregrinacións. Palas de Rei foi un próspero burgo medieval (Pallatium Regis), citado no Códice Calixtino como remate da penúltima etapa de peregrinación e tamén referido, segundo a tradición, ao palacio do rei visigodo Vitiza. En 1210 o Rei Afonso VIII subscribiu un documento en que doou ao mosteiro de Santa María de Melón varias posesións nestas terras e outro, en Palas de Rei, onde daba licenza ao mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes para a percepción do seu décimo na Coruña. O castelo de Pambre presidiu a historia comarcal sen que o puidesen dobregar os ataques irmandiños. Durante o Antigo Réxime exerceron o señorío, entre outros, os condes de Amarante e Monterrei. Coa proclamación da Constitución de 1812 aboliuse o réxime señorial e establecéronse os concellos de Amarante, Ulloa, Vilar de Donas e Augas Santas. Na nova división de 1835 mantivéronse os de Amarante e Ulloa e xurdiron os de San Paio de Narla, Torre de Orde e Ferreira de Pallares. Finalmente en 1840 quedaron constituídos os concellos de Amarante (que tomou logo o nome de Antas de Ulla), Monterroso e Palas de Rei.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, cómpre destacar as igrexas de Santo Estevo do Castro de Amarante, San Fiz de Amarante ou San Lourenzo de Peibás (Antas de Ulla); San Miguel de Penas, San Pedro de Frameán, Santiago de Ligonde, San Salvador de Sambreixo, e Santiago de Bidouredo (Monterroso);e San Salvador de Vilar de Donas (BIC, 1931), San Fiz de Moredo, San Miguel de Quindimil e Santa Mariña de Fontecuberta (Palas de Rei). No eido da arquitectura civil sobresaen a casa de Funsín, de Nogallás, os pazos de Santiso, Amarante e Vilane (Antas de Ulla); os pazos da Laxe, Podente e San Miguel de Penas, a casa-torre de Cumbraos e as torres de Bidouredo, Penas e Fente declaradas BIC en 1949 (Monterroso); e casa de Fontecuberta, a casa-torre de Moreira, o castelo de Pambre (BIC, 1994) ou a torre de Quindimil (BIC, 1994), os pazos de Ulloa, Meixide e Laia en (Palas de Rei). Celébranse, entre outras, as festas da Santa Cruz, San Xusto, San Lourenzo, a da Virxe das Angustias, en Antas de Ulla; San Miguel Arcanxo e San Cristovo e a Feira de Santos, en Monterroso; ou as de San Tirso, San Cristovo, as de Ecce Homo e a romaría de Nosa Señora do Leite, en Palas de Rei. A Romaría do Queixo da Comarca da Ulloa celébrase con carácter rotativo en Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla.