UNED
Universidade pública de ámbito estatal creada por Decreto 2310/1972 do 18 de agosto (BOE 9 de setembro) coa finalidade de facilitar o acceso ao ensino universitario e a continuidade dos seus estudos a todas as persoas que non poden asistir ás aulas, utilizando técnicas e experiencias de ensino a distancia e desenvolvendo programas de educación permanente, promoción cultural e perfeccionamento profesional. Ten a súa sede principal en Madrid e conta con numerosos centros asociados repartidos por todo o territorio español e por diferentes países do mundo. As titulacións que expide teñen a mesma validez ca as de calquera outra universidade pública e está sometida á mesma lexislación e normativa xeral. A metodoloxía baséase no material didáctico básico e no seguimento do ensino a través dos centros asociados. O material didáctico compleméntase con recursos tecnolóxicos, algúns xa tradicionais como as emisións radiofónicas ou as producións de material audiovisual, e outros máis modernos como un sistema de videoconferencia que permite a relación interactiva entre os centros asociados e a sede central.