UNESCO

UNESCO

Institución especializada da ONU, creada en 1945, con sede en París. Os seus obxectivos son os de contribuír á paz e á seguridade mundial promovendo o entendemento e a cooperación entre os estados mediante o fomento da educación libre, obrigatoria e universal, a promoción do intercambio cultural, o uso pacífico da ciencia, e a colaboración dos medios de comunicación na defensa da verdade, a liberdade e a paz, así como na difusión das culturas do mundo. Ademais da conferencia xeral, o consello executivo e o secretariado, dispón de varios organismos e comisións de traballo e consulta. Finánciase con doazóns, coas contribucións dos estados membros e cos fondos da ONU. Entrega os Premios UNESCO e potencia diversas actividades, conferencias, seminarios e publicacións como O Correo da Unesco.