unión

unión

(

  1. s f

    Acción e efecto de unir ou unirse.

  2. s f

    Punto onde entran en contacto dúas cousas e forman un todo.

  3. s f

    Asociación de persoas ou entidades que teñen intereses, problemas e fins comúns.

  4. s f [DER]
    1. Acto polo que dous ou máis estados se unen baixo un único xefe de estado.

    2. Conxunto de estados unidos baixo un único soberano. Diferéncianse a unión persoal, dinástica, en que cada nación mantiña a súa autonomía; a unión real, creada pola adopción, por parte de varios estados veciños, dunha comunidade de acción a varias escalas, como as monarquías de Suecia e Noruega (1815-1905), e as de Dinamarca e Islandia (1918-1944); e a unión incorporada, cando varios estados se unen mantendo a autonomía administrativa, como Reino Unido (Union Act).

  5. s f [FILOS]

    Tipo de unidade formada a partir de dous ou máis elementos integrados nun todo. Adóitase distinguir entre unión lóxica, cando os elementos integrados non son físicos nin reais, como a unión do suxeito e do predicado no xuízo, e a unión real, en caso contrario. Tamén existen a unión gnoseolóxica, a hipostática, a substancial e a mística.

  6. s f [FÍS]

    Zona de transición que se manifesta ao poñer en contacto un semicondutor e outro material de propiedades diferentes (como un semicondutor, un metal ou un líquido electrolítico) a causa da adaptación dos niveis de Fermi dos dous materiais. En equilibrio termodinámico, o nivel de Fermi do sistema composto polos dous materiais ten que ser o mesmo e constante, e isto significa, por unha banda a difusión de portadores entre os dous materiais e, por outra, a aparición dun campo eléctrico interno. Este campo eléctrico medra a medida que aumenta a variación da densidade de carga. Chégase a un equilibrio dinámico, en que a variación de carga producida dá lugar á aparición dunha barreira de enerxía que impide o paso dos portadores. Ao aplicarlle un campo eléctrico exterior, segundo o sentido, a barreira pode aumentar (polarización inversa), ou ben diminuír de maneira que permite o paso de corrente (polarización directa). A unión entre dous semicondutores pode ser cualificada de heterounión ou de homounión, segundo os materiais constituíntes sexan diferentes ou iguais.

  7. s f [MAT]

    reunión.

  8. s f [MED]

    Consolidación dos labios dunha ferida ou dos fragmentos dun óso.

  9. unión aduaneira [ECON]

    Acordo de integración económica entre varios estados que supón a supresión dos aranceis e outras restricións nos intercambios entre eles e o establecemento dunha tarifa aduaneira común fronte ás importacións procedentes de terceiros países. Constitúe un termo medio entre a zona de libre comercio e o mercado común. Algúns exemplos constituíronos o Pacto Andino ou o Mercado Común do Caribe (CARICOM).

  10. unión das igrexas [RELIX]

    ecumenismo.

Refráns

  • Cando dúas vontades están conformes, de pouco serven os revolvedores.
  • O trigo que non se xunta na leira, xúntase na eira.