Universidade de Santiago de Compostela

Universidade de Santiago de Compostela

Institución universitaria situada en Santiago de Compostela. A maioría dos estudos europeos de investigación histórica universitaria sitúan a súa fundación en 1526, ano de concesión da preceptiva bula papal, e as figuras de Alonso III de Fonseca e do Papa Clemente VII como os fundadores, pero tamén recoñecen a existencia dalgúns xermolos a partir de 1495. Cómpre destacar que desde mediados do s XI hai constancia da existencia dunha Escola de Gramática na catedral de Santiago, que posibilitaba unha formación literaria básica da clerecía compostelá, propedéutica para a formación que algúns daqueles clérigos acadaron durante os ss XII e XIII nas universidades de París e de Boloña. Algúns destes clérigos compoñerían unha parte do reducido claustro de profesores da Universidad de Salamanca, que botou a andar en 1218, durante todo o tempo do s XIII, cando a propia diocese salmantina pertencía ao arcebispado de Santiago de Compostela e era tamén a miúdo rexida por bispos de procedencia galega, segundo sinalou o historiador Beltrán de Heredia. Ata 1486 existen referencias relativas ao estudo de gramática e lóxica aberto en Santiago ao abeiro do cabido catedralicio, aínda que daquela posiblemente atravesase un momento de crise e, en tal contexto, o 4 de setembro de 1495, o notario Lope Gómez de Marzoa obtiña do abade de San Martiño Pinario a cesión dunha parte do mosteiro de Antealtares para instalar un Colexio de Estudantes Pobres, destinado a Estudo de Gramática, ao que dotou de notables rendas para asegurar o seu funcionamento. En 1499, con ocasión das reformas monásticas cisnerianas, este Colexio tivo que abandonar as instalacións de Antealtares e quizais tamén a actividade académica. Pouco despois, en 1501, mediante unha acción mancomunada entre Lope Gómez de Marzoa, Diego de Muros III, deán en Santiago, e Diego de Muros II, bispo en Canarias, refundouse en Santiago “un Estudio de Gramática con un catedrático y un repetidor” baixo o coidado de dous visitadores, un do cabido e outro do rexemento. Coñecido como Estudo Vello, estivo situado preto da Rúa Nova. A petición de Diego de Muros III e Diego de Muros II, foi referendado pola bula Sane pro parte do Papa Xulio II, asinada o 17 de decembro de 1504, que lle concedía a posibilidade de creación das cátedras de dereito e artes que no futuro puidera haber e unha parte dos privilexios recoñecidos ás “Universidades de Estudos Xerais”, aínda que nela non se expresa claramente o recoñecemento en Santiago de Compostela dun Estudo Xeral ou Universidade, coas súas correspondentes facultades e graduacións. Pouco despois, en 1506, a instancias dunha nova petición, o mesmo papa estendeu outra bula pola que lle autorizaba a provisión inmediata dunha cátedra de dereito canónico e, nese mesmo ano, o bacharel en artes, Pedro de Vitoria, comezou a exercer como catedrático de gramática. En 1522 o arcebispo compostelán Alonso III de Fonseca fundou, baixo a advocación de Santiago Alfeo, un colexio para estudantes de teoloxía, que se instalou no antigo e hoxe desaparecido Hospital de Santiago Alfeo, situado na Acibechería, que foi recoñecido pola bula papal de Clemente VII o 15 de marzo de 1526; o seu reitor foi o cóengo Xoaquín Auñón. A bula de 1526 informaba que o Colexio de Santiago Alfeo, ou de Fonseca, para o que o arcebispo Fonseca propoñía un novo edificio -o actual Colexio-, serviría á educación clerical, en substitución do “vello e pequeno edificio do colexio vello” (o fundado en 1501), que só servía para poucos escolares e lectores. A bula daba licenza para ditar as convenientes ordenanzas ou constitucións, seguindo o modelo doutras universidades. Adquiría así o colexio e universidade compostelá a posibilidade de organizar facultades, como as establecidas nos Estudos Xerais, e de conceder graos -os diversos diplomas-, aínda que coa restrición da súa limitación aos colexiais, e xa que logo non de modo aberto a todos os estudantes como nas universidades plenamente constituídas; restrición que se mantivo ata a bula de San Pío V, de 19 de febreiro de 1567. Con estes antecedentes, no seu testamento de 1531 Alonso III de Fonseca estableceu os detalles da creación e construción dun novo edificio para o Colexio Santiago Alfeo ou de Fonseca. Paralizada a vida académica do Estudo Vello coa desaparición do seu reitor e catedrático Pedro de Vitoria (1542), o reitor do outro colexio, o de Fonseca -aínda instalado na Acibechería-, trouxo de Salamanca como profesor e catedrático de gramática o humanista tudense Álvaro de Cadaval, e non será ata os anos 1546 e 1547 cando se constate o funcionamento non regular das cátedras de canons e de sagrada escritura. Nestes momentos os reis da dinastía dos Austrias comezaron a intervir como protectores das universidades hispanas. Así en 1555 Carlos I encargoulle ao teólogo Andrés Cuesta a redacción das primeiras constitucións da universidade compostelá, sancionadas por unha real cédula de 1557. Entre outras disposicións dise que será colocada baixo padroado real; o reitor, que sería membro do cabido compostelán e nomeado con renovación anual, presidirá a universidade; indícase a inmediata ocupación do Colexio Fonseca ou Santiago Alfeo para a facultade de teoloxía, que se ordenaba en tres cátedras (teoloxía moral ou casos de conciencia, teoloxía escolástica para o estudo da Summa de San Tomé, e a de concilios e escritura) en catro cursos; destínase o Colexio da Acibechería, que pasa a chamarse de San Xerome, baixo a dirección dun vicerreitor, para facultade de Artes, con tres cursos (súmulas, lóxica, filosofía) e para tres cátedras de gramática (menores, medianas, maiores), e postérgase a creación da facultade de Canons. Para revisar a aplicación dos anteriores ditados sinálase a figura dos visitadores reais. Así, por exemplo, como consecuencia das revisións e modificacións efectuadas polo visitador real Pedro Portocarrero (1577), foron aprobadas unhas novas Constitucións, coñecidas como Estatutos filipinos, en 1588 e impresas en 1602. En 1567 mediante o Estatuto de graos, asinado por Filipe II, xeneralizouse para todos os alumnos a posibilidade de recibir graos académicos facultativos, estendidos logo aos estudos de medicina e de dereito civil, iniciados en Santiago a mediados do s XVII. Todo este longo proceso de fundación da Universidade de Santiago de Compostela no que aparecen distintas e variadas datas, a falta de rotundidade na expresión que amosan os documentos primeiros, a tardía aparición documental do concepto “universidade” (1526) e outros factores fixeron que, en particular, na historiografía galega se dubidase da data da súa creación. Así, Neira de Mosquera consideraba que en Santiago non existira Universidade ata a bula de Clemente VII (1526); Pérez de Bustamante e González García-Paz mantiñan o mesmo argumento, aínda que recoñecían antecedentes a partir de 1495, e, en termos similares, expresáronse Salvador Cabeza e Fernández Villamil. En contraposición á esta tese, García Oro denominou o Estudo de Gramática de 1501 como “Estudo Xeral de Compostela”, dándolle rango de universidade -aínda que non se recolla con esta denominación nos documentos de 1501 e 1504-. En canto ao resto do contexto hispánico, cómpre dicir que en 1208-1209 se fundou o primeiro Estudo Xeral en Palencia, no reino de Castela, de moi curta duración, e posteriormente, segundo a data de recoñecemento papal ou real, fundáronse, entre outros, os seguintes estudos xerais: Salamanca (1218, 1243), Sevilla (1254, refundado en 1502), Lleida (1300), Valladolid (1346), Huesca (1354, restaurado en 1464), Girona (1446, restaurado en 1579), Barcelona (1450), Zaragoza (1474), Palma (1483, con dificultade de recoñecemento de títulos ata o 1673), Sigüenza (1489) e València (1500). Co transcurso dos séculos, a Universidade de Santiago de Compostela foi medrando. No s XVII o cadro colexial da universidade completouse cun colexio de pasantes, fundado en 1630 polo arcebispo Juan de Sanclemente e con constitucións sinaladas polo arcediano Pedro Sanz del Castillo; co colexio de San Salvador, fundado a principios do século XVII por Benito Fernández Boán, e co pequeno colexio de Irlandeses, instalado na Rúa Nova desde 1603. Ademais tamén se foron incorporando algunhas cátedras impartidas por membros das ordes relixiosas presentes en Compostela, e creáronse, en 1649, as facultades de Leis e de Medicina. Deste modo Santiago de Compostela converteuse nunha universidade completa, desenvolvendo neste plano a súa vida ata as grandes transformacións emprendidas desde mediados do século XVIII, con ocasión das Providencias Reais ditadas en 1751, a partir da iniciativa do visitador extraordinario e primeiro reitor trienal da Universidade de Santiago de Compostela, Diego Xoán de Ulloa. Deste modo procedeuse a realizar diversas actuacións, entre as que destaca a supeditación dos colexios á universidade, unha nova planificación administrativa e económica da universidade e a duración do cargo de reitor por un trienio. Despois do reitorado de Diego Xoán de Ulloa ocupou o cargo o cóengo Sánchez Ferragudo (1752-1771), continuando a liña reformista anterior. En 1752 comezou a cátedra de matemáticas, desempeñada primeiramente por Luís Marcelino Pereira e despois por Xosé Rodríguez González, e en 1755 a de anatomía e cirurxía, baixo a cátedra de Pedro Bedoya. A proposta do Plan Xeral de Reforma da Universidade de Santiago trazado en 1771 por Campomanes foi aprobado, con algunhas modificacións, por unha Real Cédula de novembro de 1772. Confirmábanse así en 33 as cátedras da Universidade de Santiago de Compostela. No s XVIII tamén se introducen os estudos de física experimental, baixo a docencia primeira de Francisco Neira. En 1789 dótase a cátedra de clínica ou medicina práctica. Tamén se imparten as cátedras de dereito natural, público -con Pedro Pablo de Bazán- e de xentes, suprimidas en todas as universidades hispanas en 1794, por temor á apertura ideolóxica e ás influencias francesas, como estudou o profesor X. R. Barreiro Fernández. González Varela actualizou a cátedra de filosofía, no tránsito cara ao s XIX. Durante o s XVIII comezou unha lenta secularización e revisión da vida universitaria compostelá, sobre todo a partir de 1751 e, con antelación, ás reformas universitarias carolinas. A partir deste momento a universidade compostelá comezou a ser unha das máis competentes do contexto hispano. En 1857 a Lei de Instrución Pública (Lei Moyano), converteu a Universidade de Santiago de Compostela nunha das nove de distrito que se mantivo na reforma, e estableceu que nela se podían obter os títulos de licenciado en farmacia, medicina, teoloxía e nas seccións de civil e canons de dereito. Co ministro de Fomento Orovio (1865), perdeu os estudos de teoloxía, a sección de canons, algúns estudos de medicina e os correspondentes a bacharel de ciencias e filosofía. No período de Entreguerras (1918-1936) chegaron a reivindicación da autonomía universitaria e a creación de novas facultades e estudos, as tendencias galeguizadoras, os cambios sociais que favoreceron a incorporación das clases medias e da muller ás aulas e a modernización intelectual representada no incremento da cualificación e da produción científica. Nos anos da Segunda República e do reitorado de Alexandre Rodríguez Cadarso (1930-1933) produciuse a maior renovación. As reformas republicanas, dirixidas a mellorar a formación científica de docentes e discentes, coincidiron con iniciativas autóctonas destinadas a crear novos ámbitos de investigación; ademais o reitor propugnaba unha universidade máis proxectada aos problemas de Galicia. Con todo, este renovador proxecto quedou interrompido a partir de 1936 e a súa recuperación só foi posible a partir da década de 1960 e especialmente coa fin do Franquismo. Desde 1950 incrementouse o número de estudantes e na década de 1960 ampliouse a oferta con estudos aínda non universitarios (as escolas de Comercio, de Peritos Industriais de Vigo e de ATS de Santiago). Nas décadas de 1970 e 1980 aumentou dun xeito espectacular o número de alumnos (25.000 en 1975 e 40.000 en 1985) e creáronse novos centros (Arquitectura e Aparelladores na Coruña, Peritos Navais en Ferrol) e os Colexios Universitarios de Vigo, Ourense, A Coruña e Lugo; ademais produciuse o desdobramento de titulacións de ciencias e letras e a adscrición á universidade de escolas non universitarias (Comercio, Maxisterio, Peritos, ATS). Co reitorado de X. M. Suárez Núñez (1978-1984), comezou unha etapa de mellora de dotacións, construcións de centros e servizos. Desde finais da década de 1980 e co reitorado de Carlos Pajares (1984-1990) melloráronse as infraestruturas, o financiamento e a organización interna. Despois da segregación das universidades de Vigo e A Coruña (1990) ocuparon o cargo de reitor Ramón Villares (1990-1994), Darío Villanueva (1994-2002) e Senén Barro Ameneiro (desde 2002), nun tempo en que a Universidade de Santiago de Compostela se consolidou como unha das universidades hispanas máis prestixiosas.