Utrecht, Tratado de
Tratado asinado en Utrech, o 11 de abril de 1713, que puxo fin á Guerra de Sucesión Española. Foi complementado polo Tratado de Rastatt (1714) e outros tratados menores que afectaron, por unha banda a Francia e España, e pola outra, aos aliados antiborbónicos: Reino Unido, Austria, Holanda, Prusia, Savoia e Portugal. Filipe V foi recoñecido como rei de España e das Indias pero perdeu as posesións europeas, que pasaron sobre todo a poder de Austria. Federico Guillerme I obtivo o recoñecemento do seu título de rei de Prusia e recibiu o Alto Gelderland. Savoia recibiu unha parte do Milanesado e a illa de Sicilia, que posteriormente cambiou con Austria por Sardeña (Tratado de Londres, 1718). Holanda recibiu oito prazas fortes en Bélxica, no camiño seguido polas invasións francesas, mentres que para Francia os tratados representaron o fracaso da política de hexemonía borbónica. Reino Unido saíu beneficiado, pois impuxo a súa política de equilibrio europeo, reafirmou a súa hexemonía marítima e comercial, conservou Menorca e Xibraltar, recibiu diversas posesións francesas en América e obtivo de Filipe V o monopolio da introdución de escravos negros nas colonias españolas de América.