uva

uva

(

  1. s f [PLANTA]

    Froita comestible da vide (Vitis vinifera), que medra agrupada con outras formando acios. Pode ser de diversas cores (abrancazada, amarela cérea, verde, rosada, violácea ou case negra) e está formada por unha pel relativamente grosa, a polpa, e as sementes. A uva, da que hai moi diversas clases en Galicia, denomínase segundo a variedade, o uso ao que está destinada, o aspecto do gran, e mesmo segundo a bisbarra, e pode ser clasificada como uva de mesa (destinada a ser consumida fresca), uva pasa (que se trata para obter pasas) e uva de viño. Da uva obtéñense xeleas e preparados a partir do mosto. En Galicia as uvas empréganse fundamentalmente para facer viño e existe un número importante de variedades, entre as que destacan a treixadura, caíño, albariño, mencía ou godello. Tamén se obtén dela outro tipo de produtos, alcohólicos ou non, como a augardente ou o mosto, que resulta da primeira prensadura da uva.

  2. s f [BOT]

    Froito doutras plantas semellante ao froito da vide.

  3. [PLANTA]
    1. uva dos tintureiros

      herba carmín.

    2. uvas de can [port: norça-preta, uva de cão; cast: brionia negra, nueza negra; ingl: black bryony] [Tamus communis, Fam das dioscoreáceas]

      Planta herbácea perenne, rubideria, de talos delgados de 2-4 mm e sen ramificar. As follas son enteiras, pecioladas e cordiformes, de cor verde amarelada, as flores dispóñense en acios e os froitos son de cor vermella e glabros. Atópase en bosques e matos por todo o S e o O de Europa. Florece entre abril e xullo, e os froitos son velenosos. OBS: Tamén se denomina nouza negra.

    3. uvas de lagarto/de raposa

      herba do lagarto.

Frases feitas

  • Estimar a uva por encima da hostia. Embebedarse

Refráns

  • Agosto madura e setembro vendima as uvas.
  • As uvas non son uvas ata que están maduras.
  • Cando comenzan as uvas a pintar, comenzan as mozas afiar.
  • Cando hai uvas e figos, amaña os teus vestidos.
  • Co tempo veñen as uvas, se son maduras.
  • Desque pintan as uvas, connosco está o outono.
  • Ó seu tempo cóllense as uvas, se están maduras.
  • Polo san Lucas saben ben as uvas.
  • Polo Santiago comeza na viña a pintar o bago.
  • Uva mollada para viño non vale nada. _